O cume de Glasgow acorda abandonar o carbón e manter o límite de quecemento en 1,5º C

Os pequenos estados criticaron que o cume non fora nin inclusivo nin transparente e lamentaron a linguaxe pouca ambiciosa no proceso de poñer punto final aos combustíbeis fósiles. "O mundo segue ás portas dunha catástrofe climática", afirmou o secretario xeral da ONU ao fechar o encontro.

Aplauden a intervención do presidente do cume climático, Alok Sharma (Christoph Soeder/Dpa).
photo_camera Aplauden a intervención do presidente do cume climático, Alok Sharma (Christoph Soeder/Dpa).

Non se agardaban grandes cambios tal e como se desenvolveu estes días a Conferencia de Cambio Climático da ONU (COP26) que tivo lugar en Glasgow (Reino Unido).

Ao remate da mesma o acordo foi chamar aos países de todo o mundo para que inicien  o abandono do carbón, no que supón o primeiro chamamento mundial a deixar atrás este combustíbel. Ademais, coincidiron en manter vivo o obxectivo de limitar o quecemento global a final de século en 1,5 graos centígrados.

As diferentes delegacións estipularon, neste senso, impulsar a acción climática e dar por válidas as regras do artigo 6 para crear un marco de traballo para os mercados globais de carbono.

O Paquete Climático de Glasgow

A versión final do documento consensuado, denominada Paquete Climático de Glasgow, mantén as propostas a pesar de que no último minuto China e India, dúas das principais emisoras de gases de efecto invernadoiro opuxéronse.

Inclúese nel o mantemento dunha linguaxe que estabelece a redución do carbón e os subsidios a combustíbeis fósiles e empraza ao vindeiro Cume (COP27) a adoptar novos obxectivos climáticos.

Os países pequenos erguen a voz

Durante o plenario de votación dos textos parciais do Paquete de Glasgow, países como México e Lichtenstein criticaron que o cume non fora nin inclusivo nin transparente e lamentaron a linguaxe pouca ambiciosa no proceso de poñer punto final aos combustíbeis fósiles.

Outro dos críticos, as Illas Marshall, mostrou o seu profundo desacordo co cambio de linguaxe de última hora e, aínda que aceptou esas modificacións quixo mostrar a súa desconformidade. Na mesma liña, Fiji reprobou que as novidades nos textos, despois de dúas longas semanas de negociación, chegaran "nas últimas horas" e sen o "debido debate", algo que considera que prexudica especialmente aos pequenos estadosAntigua e Barbuda, na mesma liña expresou o seu desacordo.

Respecto ao acordo do carbón, o texto final do cume foi criticado fortemente polo delegado de Fiji que lamenta que a linguaxe finalmente adoptada fala de "reducir" máis que de "abandonar" o carbón. Con todo, trátase da primeira vez que un acordo da ONU fai un mención expresa aos combustibles fósiles.

O texto final tamén chama a poñer fin aos subsidios ineficientes aos combustíbeis fósiles e a que os países reforcen os seus recortes de emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030 ao final do próximo ano para limitar o quecemento e lograr o obxectivo do 1.5º C.

Críticas dos colectivos ecoloxistas

Expertas e expertos en cambio climático manteñen a súa cautela en relación a que estas medidas adoptadas poidan manter vivo o obxectivo de 1,5º C respecto aos niveis preindustriais.

As organizacións ecoloxistas foron críticas co documento final do cume. Greenpeace sinalou que o texto é "submiso e débil" e lamentou que "o obxectivo de 1,5 graos apenas está vivo". Desde Oxfam Internacional, sinalan que “algúns líderes mundiais pensan que non viven no mesmo planeta que o resto" aínda que valoran que se dera "paso importante" na petición de fortalecer os obxectivos de redución de 2030 para o vindeiro ano

A presidencia británica pide perdón

O presidente da XXVI Cume do Clima, o británico Alok Sharma, pediu perdón ás partes pola forma na que se desenvolveu o proceso de modificación a última hora da redacción dos acordos que compoñen o coñecido como paquete de Glasgow.

"Pido profundamente perdón. Entendo o desacordo de mais quixen protexer este paquete de Glasgow", respondeu Sharma tras as críticas formuladas nese sentido pola delegada de Antigua e Barbuda mais tamén doutros países, que se queixaron de que non tiveran tempo de analizar os novos textos.

Guterres lamenta que a proposta colectiva non abondara

Pola súa banda, o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, lamentou que a vontade política colectiva non fora suficiente para superar "contradicións profundas" nas negociacións.

Destacou que os textos aprobados son "un compromiso" que reflicten os intereses, as condicións, as contradicións e o estado da vontade política no mundo de hoxe. Así, aínda que celebra os "pasos importantes" para afrontar o cambio climático, "lamentabelmente" a vontade colectiva non foi suficiente para superar algunhas contradicións profundas.

Nese sentido, urxiu a "acelerar a acción" para manter viva a meta de limitar o quecemento global a 1.5º C porque "o planeta pende dun fío" e segue chamando á porta da "catástrofe climática".

Por iso, destacou que "é hora" de pasar ao modo de emerxencia porque pola contra a probabilidade de chegar a cero neto será en si mesma cero.

Doutra banda, lembrou a importancia de cumprir co compromiso de 100.000 millóns de financiamento para apoiar aos países en desenvolvemento, algo que non se logrou na COP26 mais, celebrou "algúns compoñentes básicos para o acordo".

Entre estes avances "básicos" alcanzados na COP26 de Glasgow referiuse aos "compromisos" para acabar coa deforestación; para reducir "drasticamente" as emisións de metano; a mobilización de financiamento privado en torno ao cero neto; e os textos que reafirman a determinación cara á meta de 1.5º C.

Outro dos aspectos positivos aos que se referiu é ao impulso dado ao financiamento climático para a adaptación e o recoñecemento á necesidade de fortalecer o apoio aos países máis vulnerábeis e que sofren danos climáticos "irreparábeis".

Así mesmo, eloxiou que "por primeira vez" aléntase ás institucións financeiras internacionais a considerar as vulnerabilidades climáticas á hora de conceder apoio financeiro e outras forma de apoio incluídos os dereitos especiais de xiro. Igualmente, celebrou que se puido pechar as regras do Acordo de París sobre os mercados de carbono e a transparencia. "Isto son pasos benvidos, pero non son suficientes", asegurou.

Por último, Guterres acolleu "con satisfacción" o acordo alcanzado entre Estados Unidos de América e China para acelerar as accións para reducir as emisións nesta década pero reclamou que se constrúan "coalicións de apoio" que inclúa aos países desenvolvidos, institucións financeiras para axudar aos países emerxentes a acelerar a transición do carbón e a transición cara a economías  descarbonizadas.

Comentarios