Os países en desenvolvemento piden máis ambición climática na COP27

Publicado o primeiro documento marco no que se basean as negociacións para a resolución final da cimeira, e que, segundo os países menos desenvoltos, precisa moita máis ambición, amais de non recoller a súa exixencia para crear un fondo de danos e perdas por mor do cambio climático.
Protestas onte na COP27. (Foto: Christophe Gateau / dpa)
photo_camera Protestas onte na COP27. (Foto: Christophe Gateau / dpa)

Malia que estaba previsto que hoxe rematara a COP27, a conferencia sobre o cambio climático da Organización das Nacións Unidas (ONU) que está a decorrer en Sharm El-Sheikh, Exipto, as negociacións seguen estancadas tras a presentación esta quinta feira do primeiro documento marco, no que se basean as negociadoras e negociadores para tratar de chegar a unha resolución definitiva, segundo recoñeceu o ministro de Exteriores exipcio e presidente da cimeira, Sameh Shoukry.

A pesar das advertencias da comunidade científica, que salientou nun estudo do Programa de Medio Ambiente da ONU que coas políticas actuais a temperatura ao final do século aumentará entre 2,4ºC e 2,8ºC con respecto á era preindustrial -un grao máis que o compromiso na COP21 en 2015, que fixaba en 1,5ºC o quecemento para evitar transformacións climáticas irreversíbeis-, as propostas continúan a estar moi afastadas das demandas dos expertos.

No documento a debate reitérase o compromiso da COP26 de “acelerar as medidas cara á redución gradual da enerxía procedente do carbón”, lonxe da proposta da India, apoiada polos países en vías de desenvolvemento, de incluír nesta diminución o petróleo e o gas natural.

Nunha COP con máis de 600 persoas de grupos de presión do sector dos combustíbeis fósiles, as partes que loitan por alcanzar progresos deben rexeitar que se debilite a linguaxe que permitiría á industria continuar coa súa expansión mortal”, apuntou Collin Rees, encargado de campañas de Oil Change International.

A proposta inicial foi criticada polos territorios en desenvolvemento, sosteñen medios internacionais, que exixen máis ambición no documento final tras sufrir as maiores consecuencias até o de agora do quecemento global emitindo unha porcentaxe mínima dos gases de efecto invernadoiro que xeraron esta situación.

Arredor desta cuestión, o documento tampouco avanza na principal reclamación deste grupo de países, e que centrou os debates na COP27, a creación dun fondo para paliar os danos que o cambio climático está a provocar. “De non pórnos de acordo sobre perdas e danos creo que esta COP non terá éxito”, subliñou Nabeel Munir, diplomático de Paquistán e principal negociador deste grupo.

Este punto xa foi bloqueado na COP26 polos países máis desenvoltos, principalmente os Estados Unidos e a Unión Europea, polo temor a que un fondo específico os expoña a ter que asumir a responsabilidade pola súa contribución histórica ao quecemento global.

Comentarios