As exixencias da nova PAC rebelan o agro galego contra as normas de Bruxelas

As organizacións agrarias galegas demandan menos burocracia e prezos xustos para poder "vivir das nosas explotacións" 
Concentración de protesta con tractores onte no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo.
photo_camera Concentración de protesta con tractores onte no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo.

O descontento no agro que se está a vivir en varios países europeos tamén está presente na Galiza. Todas as organizacións agrarias galegas entenden que hai motivos para a mobilización, mais diferencian as súas reivindicacións, propias do país, fronte ás peticións que farían perigar o medio ambiente, próximas á extrema dereita. As entidades galegas entran as súas demandas na adaptación do sistema actual de Política Agraria Común (PAC) e reclaman prezos xustos, entre outras cuestións. 

Para o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, “desde 1992 o obxectivo da PAC era competir no mercado mundial de alimentos, polo que había que reducir os prezos fronte á competencia”. Explica a Nós Diario que, por este motivo, “as empresas tiveron que ter custos máis baratos en orixe, polo tanto no sector produtor”, algo que “teoricamente se compensaría coas axudas, mais nunca foi así”. Da Cal indica que o resultado foi que se rematou por constituír unha “agricultura terribelmente intensiva con grandes problemas medioambientais”, feito que se agravou na actualidade “co cambio climático”. As modificacións actuais para solucionar esta situación son, para a Fruga, “a orixe destas protestas en zonas moi industrializadas do centro de Europa” que, no caso galego, “deberían implicar procurar unha agricultura menos intensificada, xusto o camiño contrario que seguiu o PP cando chegou ao Goberno galego”.

Excesiva burocracia

No caso galego, as dificultades para o agro veñen, segundo Da Cal, “pola excesiva burocracia, comezando por relacionarse coa Administración só por vía telemática e seguindo polo caderno de explotación sustentábel que implica contratar persoal”. O resultado destas exixencias provoca, para a Fruga, “un abandono aínda maior do campo galego”.

Pola súa parte, desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, indica a Nós Diario que a burocracia fai que, coa actual PAC, as granxas “teñen que empregar persoal veterinario, asesores en fertilización ou para facer un plan de redución de emisión de gases de efecto invernadoiro”, algo que, entende, “non ten sentido para o tamaño das explotacións que temos aquí”.

Prezos xustos, Mercosur e relevo xeracional

O SLG, Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria da Galiza, presentaron esta semana unha táboa reivindicativa conxunta que defenderán nas vindeiras semanas. Ademais do relacionado coa PAC, introducen a demanda de prezos xustos coa “eliminación da especulación”. Vilalba entende que “hai que protexer unhas rendas dignas tendo en conta as subas importantes que houbo nos insumos, a agricultura non é unha moeda de cambio”. Neste sentido, o SLG critica a “negociación que fan co Mercosur” sen ter en conta a importancia dun sector que precisa “relevo xeracional, con mocidade que quedou fóra das últimas convocatorias de incorporación da propia Administración galega”. 

Desde UUAA, o seu secretario de coordinación sectorial, Félix Porto, insiste a Nós Diario en que "non se debe cobrar por debaixo do que custa producir" para que se poida "gañar diñeiro nas explotación e vivir delas". Neste sentido, sinala como "fundamental" que se materialice a Lei de Cadea para o que demanda a creación de observatorios de prezos. "Ademais, precisamos un mediador para cando se negocian contratos e haxa tratos reais e non virtuais", afirma, "será a maneira de rachar a imposición unilateral que se fai desde a industria", engade. 

Mobilizacións en Lugo e Ourense

Esta terza feira, perto dun cento de vehículos agrícolas procedentes dos municipios de Xinzo de Limia e Maceda dirixíronse cara á cidade de Ourense, nunha xornada na que tamén decorreu outra protesta na cidade de Lugo, esta última co respaldo da plataforma Agromuralla. Desde esta organización, Carlos Dabanca, gandeiro e membro da executiva, recoñece a Nós Diario que descoñece “quen convocou" e afirma que non vai "nin contra a Xunta nin contra o Ministerio, mais participamos polas imposicións de Bruxelas”.

Asegura que na súa granxa pasa "máis tempo cos papeis que cos animais, algo que non podemos soportar, só quedarán as grandes granxas". Aqueles que tiran para adiante e exclúen as organizacións agrarias "terán que explicar se hai tras deles algún tipo de movemento político ou non”, indica Félix Porto en relación a estas mobilizacións, "hai Administracións que teñen que responder aos problemas que ten o agro galego e son a Xunta e o Ministerio", conclúe. 

Desde o SLG, UUAA e a Asociación Agraria da Galiza aseguran que mañá anunciarán os pasos a dar nas súas reivindicacións e non descartan convocar mobilizacións aínda que, apuntan, "estas por si mesmas non son o obxectivo, senón un medio".

Marcha atrás na proposta de reducir pesticidas

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou que retirará a proposta para reducir á metade o uso de pesticidas na Unión Europea (UE). A responsábel comunitaria tomou esa decisión por crer que este tema é un "símbolo de polarización" e considera que o próximo Executivo comunitario poderá realizar un novo plan "máis maduro" coa participación dos colectivos de agricultoras e agricultores.

Von der Leyen recoñeceu o descontento do sector e indicou que as persoas que traballan nel "merecen que se lles escoite", mais advertiu, ao mesmo tempo, de que "tamén saben que a agricultura debe evolucionar cara a un modelo de produción máis sostíbel para que as súas explotacións continúen 
a ser rendíbeis". 

Reducir riscos

A líder alemá lembrou que a Comisión propuxo esta regulación co "digno obxectivo" de reducir os riscos dos produtos fitosanitarios. Ademais, explicou que a proposta languidecía tras ser rexeitada polo Parlamento Europeo e quedar bloqueada no Consello, cando faltan catro meses para as próximas eleccións europeas, polo que proporá a súa retirada. "Temos que analizar xuntos a situación e compartir ideas", concluíu.

Comentarios