Organizacións agrarias galegas únense para preparar mobilizacións, que adían a despois do 18-F

Advirten das dificultades crecentes que atravesa o sector.
tractorada lugo leite carlos castro agromuralla
photo_camera Imaxe de arquivo dunha tractorada en lugo(Foto: Agromuralla)

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas acordaron esta sexta feira "unidade de acción" para programar un calendario de mobilizacións e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor.

As organizacións agrarias entenden que "sobran motivos" para a mobilización e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse.

Con todo, avanzaron o seu rexeitamento a "mesturar mobilizacións e citas electorais", polo que aprazan calquera acción até pasar as eleccións autonómicas.

Do mesmo modo, aseguraron que esperarán ás conclusións dos acordos e propostas ás que chegue esta sexta feira o Ministerio de Agricultura coas organizacións a nivel estatal para poder avaliar en conxunto a situación.

Así, segundo puido confirmar Europa Press, a segunda feira volveranse reunir para fixar os puntos nos que están de acordo, xa que consideran que "é mellor facer unha mobilización conxunta e unir esforzos".

Entre as preocupacións do sector, lembraron a entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos chans, que limita as aplicacións de xurros e "obriga a facer investimentos inasumíbeis para moitas granxas familiares"; os novos requirimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a enfermidade hemorráxica epizoótica.

Unhas novidades que, censuraron, chegan en paralelo á entrada en vigor da nova PAC e dos novos requirimentos europeos en materia ambiental.

Ademais, lamentaron que o pago por baixo dos custos de produción e a imposición de prezos "seguen sendo prácticas habituais".

Estas son cuestións que, defenderon, "necesitan solucións contundentes a través dun incremento do coidado das administracións e un reforzo dos medios e actuacións de control".

Comentarios