Unións Agrarias acusa a leiteira asturiana Capsa de lanzar unha "campaña de asedio" ao sindicato

A organización sindical agraria afirma que a empresa da industria láctea asturiana paga menos ao sector leiteiro galego que ao asturiano.
O secretario de Coordinación Sectorial e responsábel dos servizos xurídicos de Unións Agrarias (UUAA), Félix Porto, á dereita, esta terza feira.
photo_camera O secretario de Coordinación Sectorial e responsábel dos servizos xurídicos de Unións Agrarias (UUAA), Félix Porto, á dereita, esta terza feira.

O secretario de Coordinación Sectorial e responsábel dos servizos xurídicos de Unións Agrarias (UUAA), Félix Porto, acusou Capsa Food (Larsa e Central Leiteira Asturiana) de iniciar unha "campaña de asedio" contra o sindicato agrario despois de que este sinalara a empresa como unha das principais responsábeis da redución do prezo do leite na Galiza.

"Trata de amedrentarnos por vía xudicial", dixo á entrada do Xulgado do Mercantil número tres da Coruña antes do inicio do procedemento iniciado pola industria láctea asturiana, unha das principais empresas que recolle leite no territorio galego.

Para Porto, Capsa Food iniciou unha "campaña de asedio directamente contra Unións Agrarias", cunhas demandas interpostas, segundo especificou, a raíz dunhas declaracións realizadas "nos anos 21, 22 e 23" nas que manifestaran "que se estaba producindo un incremento considerábel de custos de produción que non se estaba compensando" e que "non se cumpría a lei de cadea [alimentaria] por parte das industrias".

"Capsa Food tenta calarnos e terxiversar aquelas palabras que dixemos no seu día e está a atentar contra a liberdade sindical e contra, o que é máis importante, a liberdade de expresión e a liberdade de negociación colectiva dun sector que leva padecendo anos o comportamento das industrias lácteas", apuntou.

Discriminación do sector lácteo galego

Ao respecto, Porto insistiu en que o sindicato non vai rectificar "nadiña de nada" e que se "ratifica" no dito co obxectivo de "defender os intereses dos produtores, dos afiliados de Unións Agrarias e do sector produtor", xa que existe, dixo, "unha diferenza clara" entre o que cobran e pagan polo leite ás explotacións asturianas e ás galegas.

Comentarios