Fruga denuncia o “abatemento” de animais sans na campaña de saneamento

Reclama á Consellaría do Medio Rural que engada outras probas ás existentes e que “se poña fin a esta sangría”.

Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira galega (Foto:Nós Diario).

“As actuais campañas de saneamento que se están a realizar na Galiza  están levando consigo un importante número de sacrificios de animais, como consecuencia dunha reacción á proba de tuberculose. Evidentemente que moitos destes animais cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba pos morten, confirmase que eran animais sans, que non padecían ningún tipo de patoloxía pola cal deberían ser eliminados”. Esta é a dneuncia que a Federación Rural Galega, Fruga, fai esta terza feira a través dun comunicado.

“Estamos ante un protocolo moi agresivo cos gandeiros e gandeiras, que impide que se realice unha proba de contraste chamada ‘comparada’, para saber se as reaccións do animal se deben a outro tipo de enfermidades, como pode ser a gripe aviar”, sinala a organización agraria.

Por parte da Xunta da Galiza, afirman, “non observamos ningunha predisposición para procurar algún tipo de solución a un problema desta magnitude. Estamos unha vez mais ante un proceso de matanza sen importar nada o problema que isto lle supón as gandarías galegas”.

A Federación Rural Galega demanda da Consellería do Medio Rural, “que se poña fin a esta sangría, e que se fagan todos as probas de contraste precisas para evitar o sacrificio de animais sans”.

Apunta a Federación que “xa vai para moitos anos que se leva facendo o saneamento animal e o papel da Consellaría, naquel intre, era claro, había que conseguir a erradicación da tuberculose bovina. Agora unha vez conseguido ese obxectivo non é de recibo que se manteña o mesmo método e os  mesmos criterios que os que se aplicaran ao inicio das campañas de saneamento, a matanza mesmo preventiva de animais sans, algo que se ven prolongado durante moito tempo”.

“Se  realmente é preciso botar man doutro tipo de probas e mudar os criterios iniciais, haberá que facelo, pero desde logo o que non é normal, e que a dia de hoxe as ganderías galegas estean a sufrir este “matavacas” indiscriminado”.

Desde Fruga consideran que tanto o conselleiro de Medio Rural, José González, “debe dar a cara nun asunto desta magnitude, e non botar balóns fóra argumentando que todo e culpa é dos protocolos que proceden do Goberno estatal, cando a sanidade animal está en mans da propia Aeministración galega”.

Comentarios