"As empresas deixan de pagar o IVE aos gandeiros polo leite, mais as explotacións teñen que seguir a pagalo"

Agromuralla reclama unha mudanza nestas políticas.
#leite #vaca #vacas #gandaría #gandeiros (Foto: Nós Diario)
photo_camera #leite #vaca #vacas #gandaría #gandeiros (Foto: Nós Diario)

Agromuralla considera unha "trampa para as explotacións leiteiras" a rebaixa do IVE do leite. O colectivo de gandeiras e de gandeiros amósase moi crítico coas medidas adoptadas polo Goberno do Estado fronte á inflación e reclama unha mudanza de políticas.

Agromuralla denuncia que "como consecuencia da rebaixa do IVE do leite de 4% a 0%, as empresas están deixando de pagar o IVE aos gandeiros nas súas facturas pola compra do leite, mentres que as explotacións teñen que seguir pagando o imposto nas súas compras de medicamentos ou outros insumos, sen ter posibilidade de compensalo nas declaracións trimestrais coas cantidades cobradas por este concepto".

A entidade amósase convencida de que a medida "vai provocar un desaxuste financeiro importante nas granxas", ao tratarse "de cantidades importantes que as explotacións non van poder recuperar até dentro de máis dun ano".

Neste sentido, lembra que "no trimestre ingrésase a diferenza resultante do IVE repercutido menos o soportado, polo que a cantidade a abonar non vai estar compensada e imos ter que agardar até o 31 de decembro para poder solicitar a devolución, que non a cobraremos até maio de 2024".

Agromuralla analiza esta decisión como "unha discriminación entre explotacións" ao depender a aplicación da rebaixa do réxime fiscal na que estean encadradas as explotacións.

A este respecto, informan de que "esta situación de IVE a 0% afecta unicamente as explotacións que están no modelo de estimación directa, un sistema ao que están obrigadas aquelas que facturan máis de 250.000 euros ao ano, pero polo que apostan cada vez máis gandarías con ingresos inferiores".

Nesa liña, lembran que "a declaración mensual do IVE non está estendida entre as granxas galegas debido á complexidade na súa xestión e os custos engadidos que xera".

Comentarios