O SLG solicita paralizar a aplicación das novas normas para as granxas galegas

O sindicato acusa a Consellaría de non reparar na adecuación dos textos.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, a economista especializada en políticas agrarias do SLG, Ana Rodríguez, e o técnico da organización, Andrés Castro, explicaron esta quinta feira en Lugo as consecuencias que para as granxas galegas terá, ao seu entender, a entrada en vigor de varias normas de inminente aplicación.

Estes requisitos, publicados polo Goberno estatal, contaron cun período de alegacións durante o cal a Xunta da Galiza "podía, e debía, ter achegado alegacións para axustar os requirimentos á realidade do noso territorio", sinalaron.

"Realizamos no seu momento as nosas achegas aos textos do Ministerio e instamos a Consellaría a asumir o seu traballo realizando as propostas e modificacións necesarias para a súa adecuación ás granxas galegas", explicaron desde o sindicato agrario.

Moita burocracia

O Caderno Dixital, a aplicación localizada de xurros, o plan de abonado ou a elaboración dun Plan sanitario integral son algúns da multitude de novos requisitos que están entrando ou van entrar en vigor para a maioría das explotacións.

"Para as medianas e pequenas granxas, maioritarias no modelo produtivo galego, este inminente acrecentamento da xa de por si complicada carga burocrática implicará consecuencias que terán impacto directo na súa viabilidade", denunciaron. 

Por estes motivos, o SLG solicitou "unha moratoria para todas as granxas e a exención das pequenas e medianas na aplicación da nova normativa agrogandeira". Paralelamente, alertou de que, de non ser así, "as eivas nas aplicacións informáticas para estas xestións, a carencia de persoal técnico e o incremento de gastos aumentarán as dificultades das granxas".

Comentarios