A Fruga demanda que a PAC só beneficie as persoas dadas de alta na Seguridade Social agraria

A Federación Rural Galega (Fruga) destacou que a Galiza é a única autonomía do Estado na que "todas as persoas beneficiarias" da Política Agraria Común (PAC) "son cotizantes da Seguridade Social agraria". Neste sentido, o sindicato criticou esta terza feira que no resto de autonomías "as persoas beneficiarias incumpren esta condición" na campaña da PAC de 2023.

Deste modo, a Fruga reclamou que se corrixa esta "anomalía" por parte das Administracións, emprazando á Xunta da Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado español para que a PAC recaia "exclusivamente sobre todas aquelas persoas que poidan demostrar a súa condición de agricultor ou agricultora a título principal, profesional ou activo agrario mediante a alta na Seguridade Social Agraria".

Desta maneira, segundo defendeu o sindicato agrario, as persoas solicitantes "que non acrediten estar dadas de alta na Seguridade Social agraria quedarían excluídas, dándose a posibilidade de acrecentar os importes para cobrar por parte das persoas que si demostran a súa condición de profesionais do sector agropecuario".

Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).
Comentarios