Gandeiros estiman en até 240 millóns de euros anuais as perdas polo freo á concentración parcelaria da Xunta

A Consellaría de Medio Rural asegura que desde 2020 decretou un total de 29 concentracións parcelarias en toda a Galiza. No ano 2011 tiñan enriba da mesa 127 procesos iniciados. Moitas zonas do país levan 20 anos agardando, con proxectos agrogandeiros parados que demandan base territorial para botar a andar.
Tractor durante a recollida de trigo na  parroquia de Calvo, en Abadín (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
photo_camera Tractor durante a recollida de trigo na parroquia de Calvo, en Abadín (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]

Na Galiza hai actualmente caducados 97 procesos de concentración parcelaria que afectan un total de 64.389 hectáreas de terreo e están paradas seis concentracións que abranguen 5.649 hectáreas, segundo os datos da Consellaría de Medio Rural. Máis dun cento de procesos de reestruturación e posta en valor das terras por todo o país que suman máis de 70.000 hectáreas de fincas que, polas súas dimensións, están perdendo de producir uns 250 millóns de euros ao ano en distintos proxectos como forraxes, trigo, millo ou leguminosas.

O presidente da asociación Queremos Parcelarias en Agolada (Deza), Juan Carlos Sánchez Fuciños, en conversa con Nós Diario fai contas. “Nunha hectárea de terreo poden producirse 50 toneladas de silo de millo, eso son 4.000 euros, esa é a perda. Só esas 70.000 hectáreas de terreo son 240 millóns de euros ao ano que se poderían xerar na Galiza se esas hectáreas estivesen postas a funcionar”.

Sánchez Fuciños destaca ademais “todo o que implica de postos de traballo, empresas de servizos agrícolas, sementes, centos de postos de emprego en eventuais en campaña e ducias en emprego estábeis”. A Asociación Queremos Parcelarias leva anos loitando polos procesos paralizados en Agolada. O seu presidente critica que “o PP aposte por unha Galiza minifundista. En 2011, había 127 procesos iniciados que quedaron paralizados, e deles agora traballan en 29. Foi o dato que nos deu o conselleiro. Todas estas concentracións levan paralizadas desde 2011, as Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) caducan aos 10 anos, investimentos feitos e perdidos”.

Segundo critican desde esta asociación, “a Xunta afoga os intereses dos gandeiros e agricultores galegos. Hai moitas zonas decretadas en Ourense, zonas de viño, pero non zonas gandeiras e agrícolas, aquí condenan zonas gandeiras como o Deza e a Ulloa, practicamente sen concentración. Non ten sentido as axilizadas en Ourense comparado coas que hai paralizadas no resto da Galiza. Non se teñen en contra criterios obxectivos”, afirma Sánchez Fuciños.

Mecanización imposíbel

O enxeñeiro agrónomo Fernando Núñez Mourelle secunda o diagnóstico, “salvo na Terra Chá, na maioría das zonas as fincas son moi pequenas, hai moito terreo abandonado, pouco aproveitado, poderían facerse outro tipo de concentracións”. Mourelle identifica outro problema para pór a producir estes terreos pequenos: “A maquinaria agrícola é cada vez máis grande para obter máis rendemento, non poden traballar nelas”. En Outes (comarca de Noia) hai 200 predios dunha soa hectárea, explica a modo de exemplo. Todo isto nun momento no que co cambio climático semella que “a Galiza vai ser o verxel da península Ibérica”.

É o caso de mercados como o da palla, Mourelle sinala que “este ano hai un problema grande nas explotación gandeiras, non hai palla de cereal porque a colleita en Castela foi mala pola seca”. Asegura que co terreo axeitado este mercado podería medrar na Galiza, e aí “a Xunta debería facer todo o posíbel, non só obrigar os propietarios a limpar as terras”.

“DOGacracia”

Segundo explican a Nós Diario desde distintos colectivos afectados por esta situación, é preciso levar a cabo unha ordenación do territorio que incida no rural. No rural galego hai 1,6 millóns de propietarios e propietarias, unha “realidade complexa” á que se une ademais o problema demográfico. Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio de Terras da USC, explica que na Galiza hai 230.000 hectáreas (has) xestionadas por xefes de explotación con máis de 62 anos, e só 100.000  por menores de 40. Asegura que hai leis ao respecto abondo nos últimos tempos, “non precisamos máis Diario Oficial da Galiza (DOG) por unha tempada”.

Ónega aposta por “un pacto de país” para facer unha planificación, determinar os instrumentos axeitados, dotalos orzamentariamente e de recursos humanos. Ademais, destaca a existencia doutras ferramentas como o Banco de Terras, os polígonos agroforestais ou as permutas. Sinala que un dos problemas das concentración parcelarias é o tempo que tardan, “no mellor dos casos 7 ou 8 anos, son procesos complexos pero non é normal que algúns duren 20 anos e polo camiño perdemos xente”.

Marcos Vázquez é o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, defínese a sí mesmo como “labrego, gandeiro e gaiteiro”. Asegura que no caso da ordenación do rural galego “lévanse feito moitos esforzos pero non é todo o que se desexaría”. En conversa con este xornal asegura que “hai lobbies con moito poder, industrias con moito poder sobre o que se fai sobre o territorio, non sei se con mala intención, pero en todo caso son influencias de terceiros”.

María do Carme González Cumplido ten unha explotación de 80 vacas nos Porcallos (Goiás, Lalín, Deza), na zona teñen recollido sinaturas para solicitar a concentración parcelaria. "Hai que organizar o territorio, coa ferramenta que sexa porque cando rematen as parcelarias nin sequera vai quedar xente aquí", explica a este xornal. Segundo asegura, hai moitas terras abandonadas, mesmo algunhas de propietarios descoñecidos. "Hai que aproveitar as terras, hai predios tan pequenos onde nin sequera entra a maquinaria para tentar traballar a terra".

Procesos lentos

Segundo datos da Xunta, en  2021 había 70.000 persoas pendentes do remate de 96 concentracións parcelarias abertas, afectando unha superficie de 85.000 has. Dende que comenzaron as concentración parcelarias (1954) apenas se concentraron 1.000 zonas, unhas 500.000 has en 80 anos. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gabábase a comezos de 2023 de ter decretadas desde 2021 até 27 novas parcelarias para 22.589 has en todo o país, ainda así sobre a mesa o Goberno galego tiña entón 91 procesos abertos.

Para este ano Medio Rural anuncia un investimento de 24 millóns de euros en parcelarias, mais moitos deses cartos vanse en subcontratas a través da plataforma de contratación. O 30 de decembro pasado xa se gastaron 4 millóns de euros en contratar con empresas 13 lotes de servizos técnicos para traballar nestas reestruturación parcelarias.


Proxectos sen base territorial

A climatoloxía e o terreo fan da Galiza o que moitas expertas consideran agora e de cara ao futuro “o verxel” de todo o Estado e xunto con Francia un dos poucos de toda Europa, por mor do cambio climático. O problema do agro galego é a falta de base territorial, un asunto sen resolver que está a lastrar proxectos de futuro parados ou abandonados polo minifundismo que pervive no país. Propietarios destas terras e expertos critican a perda de cartos e produtividade que isto supón. Plantacións de castiñeiros, oliveiras, un proxecto para 150 hectáreas de cereal e leguminosa para abastecer unha granxa, son algúns dos proxectos que a Asociación Queremos Parcelarias en Agolada ten case perdidos pola paralización dos procesos abertos neste concello hai perto de 20 anos.

Soia, xirasol, trigo e millo da Galiza

O cultivo de soia, cunha rendibilidade de 700 euros por tonelada, ou as investigacións no centro de Mouriscade (Lalín) da Deputación de Pontevedra arredor do cultivo de xirasol na Galiza son proxectos potenciais para o agro do país, pero os expertos consultados por Nós Diario coinciden en sinalar o problema da base territorial e a ordenación de terras no país. Os propietarios e o sector produtivo apremian, “hai tamén moita demanda de produción de trigo e millo xa coas vendas aseguradas”.

Zonas de produción de pan como A Coruña e Ourense precisan con urxencia o abastecemento destes produtos, e no Concello de Santiso, que xa conta coa concentración parcelaria feita, hai un produtor con 127 hectáreas destes cereais que vende toda a súa produción só a un cliente en Betanzos. Os propietarios galegos pendentes destes procesos aseguran que cada día que pasa “estamos perdendo oportunidades de futuro”.

Comentarios