O Euríbor supera o limiar de 3% e alcanza o valor máis alto en 14 anos

As hipotecas medias subirían até 300 euros en 2023.
Zona residencial do municipio de Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Zona residencial do municipio de Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: Nós Diario).

O Euríbor a 12 meses, o índice que marca o prezo das hipotecas na Galiza, chegou esta segunda feira na súa evolución diaria a 3%, un nivel que non rexistraba desde decembro de 2008. Con todo, a media mensual do índice hipotecario sitúase en 2,8%, de tal maneira que a taxa media do mes aínda fica por baixo de 3%.

Após a última reunión do Banco Central Europeo (BCE) da pasada semana, o indicador rexistrou dúas xornadas por encima do nivel medio deste mes. En concreto, a pasada sexta feira escalou até 2,993% mentres que esta segunda feira situouse en 3,057%.

Na súa última reunión do ano, o BCE decidiu aumentar os tipos de xuro en 0,5%, até 2,5%. Ademais, o banco central adiantou que os tipos terán que continuar aumentando "significativamente" e de forma sostida até alcanzar niveis suficientemente restritivos para asegurar que os prezos volvan situarse no obxectivo de 2% a medio prazo.

As perspectivas ás que apuntan as persoas expertas no eido financeiro son que a autoridade monetaria da zona euro elevará os tipos ao redor dun punto adicional durante os próximos 12 meses. Neste suposto, os tipos chegarían a 3% nos primeiros seis meses de 2023, o que provocaría que o Euríbor rondase a taxa de 3,5% en xuño.

Esta situación encarecería o financiamento dos fogares, cuxas cotas mensuais pola hipoteca aumentarían, de media, entre 200 euros e 300 euros ao mes, provocando unha cadea de crise económica na que, á súa vez, se restarían recursos ao consumo, co que caerían as vendas e a produción diminuiría para evitar acumulación de existencias.

A evolución do Euríbor comezarase a notar coa entrada do ano

Sexa cal for a evolución final dos tipos de xuro, o efecto que provocará notarase a partir do primeiro trimestre de 2023, cando se comecen a revisar as hipotecas variábeis que corresponda nese momento. 

As revisións realizadas a comezos de 2022 realizáronse co euríbor a un ano en taxa negativa, mentres que todo indica que o valor deste índice comezará o ano 2023 por riba de 3%, e que a partir de aí non mellorará a situación no medio prazo.

Comentarios