Tan só 5,2% da nova vivenda é protexida mentres que no Estado alcanza o 10,5%

En 2021 construíronse na Galiza 2.944 vivendas de nova planta.
Persoal da construción realiza labores de acondicionamento dunha nova vivenda no municipio de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal da construción realiza labores de acondicionamento dunha nova vivenda no municipio de Vigo. (Foto: Nós Diario)

As vivendas de nova planta edificadas no ano 2021 na Galiza foron un total de 2.944, segundo os datos definitivos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), 66 máis das construídas en 2020 (+2,3%).

O portal estatístico público galego non difire neste estudo entre a vivenda protexida e a  libre. Segundo os últimos datos do IGE referentes ao número de vivendas protexidas rematadas en 2021, un total de 155, tan só 5,26% dos novos fogares de nova construción tiveron a cualificación de protexidos.

Unha taxa que difire coa do conxunto do Estado español, onde a porcentaxe de vivenda protexida construída sobre o total, de 10,59%, tamén segundo os datos do IGE, constitúe máis do dobre que na Galiza.

As 155 vivendas protexidas construídas en 2021 supoñen un retroceso de 49,5% con respecto ao ano 2020, cando se construíron un total de 313. O dato é máis positivo se é comparado coa cifra de fogares protexidos rematados en 2019, que foi só de catro, 0,1% do total, cando nese ano a taxa de vivenda construída protexida no Estado foi de 8,5%. 

Nos últimos cinco anos, entre 2017 e 2021, as vivendas totais desta tipoloxía rematadas na Galiza foi de 492, reducíndose a taxa sobre o total de fogares construídos a 4,13%. No mesmo período, en comparación, esta taxa multiplicouse por tres a nivel estatal, onde foi de 12,62%.

Con respecto ás vivendas protexidas iniciadas, a estatística amosa uns datos similares. En 2021 comezáronse na Galiza 171 fogares protexidos dun total de 3.538 vivendas en construción, unha porcentaxe que baixa até 4,83% e que confirma unha menor a posta pola vivenda protexida na Galiza, xa que esta taxa a nivel estatal é de 10,9%.

Desaceleración da construción de vivenda

Os datos de novos edificios construídos en 2022 chegan até o mes de xullo. Entre xaneiro e xuño deste ano rematáronse un total de 1.463 edificios na Galiza, 184 máis que no mesmo período de 2021, unha suba de 14,39%.

Porén, percíbese unha desaceleración dos últimos datos. No segundo semestre de 2021 rematáronse 1.238 edificios de nova planta polos 1.173 do primeiro semestre de 2022, unha baixa de 5,25%.

Atendendo ao número de vivendas familiares construídas a tendencia é similar. Entre xaneiro e xullo de 2022 rematáronse un total de 1.020 vivendas, mentres que no mesmo período de 2021 a cifra foi de 961, un incremento de 6,14%.

Por contra, ao comparar os dous últimos trimestres con datos, obsérvase que hai unha desaceleración. Nos últimos seis meses de 2021 rematáronse 903 vivendas polas 884 do primeiro semestre de 2022, un descenso do ritmo de construción de fogares de 2,1%.

A expectativa de subas nos xuros incentiva a compra

A Galiza experimentou un aumento de 2,5% nas compravendas de vivendas en setembro de 2022 respecto ao mesmo mes de 2021. A expectativa das persoas compradoras de que os tipos de xuros aplicados nas hipotecas polos bancos aumente no futuro está a provocar unha alza da demanda para evitar os maiores custos do préstamo que se derivarían de adiar a compra.

A oposición critica á Xunta por non facer vivenda pública

A pesar dos negativos datos de vivenda protexida na Galiza, a conselleira da Xunta, Ángeles Vázquez, apuntou 2023 como "ano chave para a promoción de vivenda pública". Porén, os dous grupos da oposición na Cámara critican a política desenvolta polo PP neste eido.

En declaracións a Nós Diario, a deputada do BNG Alexandra Fernández criticou que"a vivenda protexida sufriu un forte descenso desde que chegou o PP, con anos de auténtica parálise". "No caso da vivenda pública (a protexida tamén contempla a de promoción privada), Galiza está en 0,32%, moi por baixo da media estatal e a anos luz da media europea", sinala.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo destacou que o Executivo galego "deixou sen gastar dous de cada tres euros dos fondos orzamentados para o acceso á vivenda na Galiza en 2021".

Comentarios