Como afectarán as novas medidas do Executivo estatal á túa hipoteca?

As medidas aprobadas polo Consello de Ministros e Ministras para reducir a carga hipotecaria das familias dependerán da adhesión das entidades bancarias, que non teñen obriga de subscribilas.
A vicepresidenta primeira do Estado español, Nadia Calviño, onte despois do Consello de Ministros e Ministras (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta primeira do Estado español, Nadia Calviño, onte despois do Consello de Ministros e Ministras (Eduardo Parra / Europa Press).
  1. Debedores con rendas até 25.200 euros
  2. Debedores con rendas até 29.400 euros
  3. Elimínanse as comisións por converter hipotecas a tipo fixo
  4. Adhesión voluntaria das entidades
  5. Exemplos prácticos

O Consello de Ministros e Ministras aprobou esta terza feira as medidas acordadas entre o Ministerio de Asuntos Económicos e o sector bancario para “aliviar a carga hipotecaria de máis dun millón de familias vulnerábeis ou en risco de vulnerabilidade” pola suba do Euribor, un terzo dos fogares que teñen hipotecas a tipo variábel.

Estas medidas son froito da negociación entre o Goberno do Estado español, as patronais bancarias (AEB, CECA e UNACC) e o Banco de España. O obxectivo das mesmas é “reducir a carga hipotecaria dos fogares de maneira efectiva e ter máis certeza no seu nivel de gasto a medio e longo prazo”, podendo elixir, dentro do "menú" que se ofrece, “a medida que mellor se axuste ás súas necesidades e situación financeira”, explicou a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño.

Debedores con rendas até 25.200 euros

Para os debedores hipotecarios vulnerábeis (con rendas inferiores a 25.200 euros ao ano) ampliarase e reforzará o Código de Boas Prácticas aprobado en 2012, de forma que poderán reestruturar o préstamo hipotecario cunha rebaixa do tipo de xuro durante o período de cinco anos de carencia (até Euribor -0,10% desde o Euribor 0,25 actual). Así mesmo, ampliarase a dous anos o prazo para solicitar a dación en pago da vivenda, contémplase a posibilidade dunha segunda reestruturación e amplíase de seis a doce meses o prazo para poder solicitar o aluguer social.

Os fogares con renda inferior a 25.200 euros ao ano que dediquen máis de 50% da súa renda mensual ao pago da hipoteca mais que non cumpran o criterio actual do incremento de 50% do esforzo hipotecario poderán acollerse ao Código cunha carencia de dous anos, un tipo de xuro menor durante a carencia e un alongamento do prazo da hipoteca en até sete anos.

A vicepresidenta destacou ademais que se garante a salvagarda e o mantemento das condicións no caso de cesión de créditos a un terceiro, como, por exemplo, un fondo de investimento. Doutra parte, proponse un novo Código de Boas Prácticas que dea alivio aos debedores con rendas de até 29.400 euros en risco de vulnerabilidade polo incremento da cota hipotecaria, facilitando ás familias unha adaptación máis gradual á nova contorna de tipos de xuro.

Debedores con rendas até 29.400 euros

Poderán beneficiarse destas medidas os fogares con renda inferior a 29.400 euros anuais e hipotecas subscritas até o 31 de decembro de 2022 que teñan unha carga hipotecaria superior a 30% da súa renda e que suba, polo menos, 20%. As entidades financeiras deberán ofrecer a todos estes casos a posibilidade de conxelación durante 12 meses da cota, un tipo de xuro menor sobre o principal aprazado e un alongamento do prazo do préstamo até sete anos.

Fontes ministeriais detallaron que estes Códigos son un marco preventivo que engloba a un millón e medio de fogares, mais non quere dicir que todas esas persoas cumpran con todos os requisitos de adhesión. Os cálculos apuntan que a ampliación do Código de Boas Prácticas podería protexer a 300.000 familias e que o novo Código protexería a outras 700.000.

Elimínanse as comisións por converter hipotecas a tipo fixo

Co obxectivo de incentivar as hipotecas a tipo fixo, aprobouse tamén a eliminación total das comisións para facilitar o cambio de tipo variábel a tipo fixo durante o ano 2023. Para préstamos a tipo variábel, elimínanse tamén as comisións por amortización anticipada durante o ano que vén. Despois, reducirase de forma permanente o custo de converter unha hipoteca a tipo variábel a unha a tipo fixo, de 0,15% a 0,05%. Por outra parte, encargouse ao Banco de España que elabore unha guía para debedores hipotecarios en dificultades, aumentando a información para que as persoas usuarias poidan tomar unha decisión adecuada na contorna actual.

Adhesión voluntaria das entidades

Os dous Códigos de Boas Prácticas serán de adhesión voluntaria por parte das entidades financeiras, que estarán obrigadas a cumprilos unha vez subscritos. En caso de transmisión do crédito a un terceiro as entidades bancarias deberán garantir a protección deste catálogo de medidas.

Estabeleceuse o prazo dun mes para que as distintas entidades financeiras se sumen a estas medidas e o obxectivo é que estean vixentes a partir do 1 de xaneiro de 2023. De feito, Calviño avanzou que CaixaBank xa comunicou ao Executivo a súa disposición a subscribir o acordo, suxeita ao visto e prace dos seus órganos de Goberno.

Calviño apuntou que haberá uns mecanismos para verificar que as entidades que se sumen a este boas prácticas cómpren coas mesmas. Neste sentido, sinalou que a Autoridade de Defensa do Cliente Financeiro, cuxa creación se aprobou tamén esta terza feira vía proxecto de lei no Consello de Ministros e Ministras, terá competencias para resolver conflitos de boas prácticas e capacidade sancionadora cando se incumpran as súas resolucións.

Exemplos prácticos

Unha hipoteca tipo de 120.000 euros constituída a principios de 2018 cun tipo estándar de Euribor 1% a un prazo de 30 anos pagaría unha cota de ao redor de 360 euros en 2022, que a principios de 2023 teríase disparado até 525 euros (en 45%).

Para unha familia vulnerábel que se acolla ao Código de Boas Prácticas, a cota final sería de 240 euros, é dicir, 33% menos que en 2022 e 54% menos que sen as medidas aprobadas. Para unha familia vulnerábel que non cumprise o requisito de ver o seu esforzo incrementado en 50% o esforzo hipotecario, a cota sería de 305 euros, é dicir, reduciríase 42%.

Para debedores con rendas até 29.400 euros que se acollesen ao novo Código, a cota sería de 362 euros no primeiro ano de conxelación, o que supón unha redución de 31%.

Comentarios