Miles de persoas convocadas polo BNG maniféstanse por "unha saída xusta e galega á crise de prezos"

Ana Pontón pide a intervención da enerxía e tarifa eléctrica galega, unha fiscalidade xusta, unha rede de protección social, blindar a sanidade e todos os servizos públicos e limitar tanto o prezo dos alugueres como o das hipotecas 

Miles de persoas tomaron as rúas de Compostela convocadas polo BNG.
photo_camera Miles de persoas tomaron as rúas de Compostela convocadas polo BNG.

O BNG encheu as rúas de Santiago nunha mobilización en defensa dunha saída xusta e galega a unha crise de prezos que cualifica de “estafa á maioría social”, ante a que a portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou “non mirar cara outro lado mentres se repiten os erros do pasado e se pretende que a maioría pague os pratos rotos dunha crise que non provocou, mentres os de sempre se enriquecen”.

O Bloque considera que hai alternativas “e estamos aquí para defendelas”, proclamou Pontón, quen destacou que o BNG é “o instrumento que ten o pobo galego para gañar un futuro mellor, para tronzar os deseños centralistas e, desde a confianza e amor en Galiza, conquistar calidade de vida e máis oportunidades”. 

A marcha partiu da Alameda compostelá ás 12 horas. Antes do inicio, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, declarou que esta crise de prezos é unha "gran estafa" á maioría social. Por iso, reclamou "valentía e medidas contundentes".

Así mesmo, Pontón propuxo, entre outras medidas, a intervención pública da enerxía, a creación dunha tarifa galega para abaratar a factura da luz e subir as pensións, especialmente, as máis baixas.

A líder dos nacionalistas galegos tamén insistiu en que a enerxía "ten que ser un ben ao servizo da sociedade" e non para que "especulen as eléctricas". Ademais, defendeu a importancia de abaratar a factura da luz, xa que a Galiza, asegurou, é unha gran produtora desa enerxía, polo que solicita que a cidadanía galega "teña a chave do seu diñeiro"

Pontón afirmou que buscan unha aposta polos sectores produtivos, pola ciencia e a innovación porque "nin queren nin poden" mirar a outro lado mentres se toman decisións que "van en contra da maioría". 

 

O percorrido, marcado polas 'estreleiras' nacionalistas e os paraugas, contou coa participación de distintos membros do BNG, así como da secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez Martín, que iniciou as intervencións na Praza da Quintana, onde finalizou a mobilización.

Alí, Gómez Martín salientou que os mozos "están fartos" de ver como "os prezos soben e a calidade de vida baixa". A portavoz da mocidade nacionalista reclamou medidas ao Goberno para paliar esta situación que cualificou de "precaria e insustentable".

Nesta liña, tomou a palabra Ana Pontón, que demandou unha saída "xusta e galega" desta realidade na que "só uns poucos están a verse beneficiados" mentres "o pobo galego se empobrece e ten problemas para chegar a fin de mes ou mesmo a mediados".

Na súa intervención, Pontón criticou a “inutilidade política” do PP para loitar contra a crise e dar alternativas, ao contrario, “goberna para unha minoría mentres deixa á intemperie á maioría, goberna para o lobby enerxético mentres deixa de lado ás PEMES, mentres se destrúen 15.000 empregos na industria e mentres lle crea problemas os galegos e ás galegas, como cando debilita os servizos públicos para favorecer o negocio privado”, indicou, en referencia á sanidade, á educación ou á atención ás persoas maiores. 

A líder do Bloque tampouco obviou no seu discurso que a crise de prezos esconde potentes intereses económicos e xeopolíticos que están provocando máis tensión e guerras continuas. “Detrás da inflación hai tensións xeopolíticas e na orixe da actual crise de prezos hai decisións das elites económicas e políticas ianquis para reforzar a súa hexemonía, en particular no eido enerxético”, denunciou, como proba que Europa está mercando gas americano moito máis caro que o gas ruso, xa con anterioridade á invasión de Ucraína. 

Unha invasión que “o BNG considera inxustificable como forza antiimperialista e defensora da soberanía”, reiterou, ao tempo que reclamou que se aposte pola paz e polo diálogo, tanto neste caso como no resto de conflitos e guerras no mundo. Finalmente, criticou o papel que está xogando a Unión Europea, convertida en “triste monicreque” ao servizo dos intereses de EEUU, “aceptando indigna e acriticamente decisións que paga a maioría da cidadanía cada vez que prende a luz, a calefacción ou enche o depósito de gasolina”, submisión que tamén practica, reprochou, a “progresía” madrileña gobernante que aposta por máis gasto militar que significa recortar gasto produtivo e social. 

Neste sentido criticou que, ante unha crise que se ceba coa maioría, se fale de “pacto de rendas” para impoñer subidas salariais moi por debaixo do IPC mentres os beneficios das eléctricas ou da banca marcan se disparan; que presente reforma das pensións que empobrece a clase traballadora,  -o que é especialmente grave nunha Galiza que ten pensións que están á cola-, ou que se aplique unha política monetaria que afoga ás familias coa suba das hipotecas. 

“Por iso, recalcou, temos que actuar con decisión para evitar que esta crise traia máis desigualdade social e máis  desigualdade territorial”, concluíu.
 

Comentarios