O BCE incrementa 0,5% os tipos de xuro e anuncia subas futuras

A decisión monetaria do BCE encarecerá as hipotecas.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Hannes P. Albert / DPA).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Hannes P. Albert / DPA).

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira elevar os tipos de xuro en medio punto porcentual adicional, de forma que a taxa de referencia para as súas operacións de refinanciamento -o tipo de xuro que os bancos pagan para obter financiamento a unha semana- situarase en 2,50%, mentres que a taxa de depósito -o xuro que as entidades de crédito reciben polos seus depósitos a un día- alcanzará 2%, e a de facilidade de préstamo -o tipo de xuro que os bancos pagan para obter financiamento a un día- chegará a 2,75%. 

Ademais, o BCE adiantou que se producirán novos incrementos "significativos" en próximas reunións."O Consello de Goberno decidiu subir os tres tipos de xuro oficiais do BCE en 0,5% e, sobre a base da considerábel revisión á alza das perspectivas de inflación, prevé seguir aumentándoos", anunciou a entidade.

Trátase da cuarta suba consecutiva do prezo do diñeiro, que sitúa os tipos de xuro no seu nivel máis alto desde decembro de 2008, despois dos dous incrementos de 0,75% acometidos nas reunións de outubro e setembro, tras un incremento inicial de 0,5% en xullo.

En particular, o Consello de Goberno do BCE estima que os tipos de xuro "terán que incrementarse", até alcanzar niveis "suficientemente restritivos" escudándose na inflación e buscando que volva situarse no obxectivo do 2% "a medio prazo".

As subas dos tipos de xuro anunciadas esta quinta feira polo banco central farán que o custo das hipotecas siga aumentando nos vindeiros meses, ao provocar un incremento do Euribor.

O crecemento á baixa e a inflación á alza

A presidenta do BCE, Christine Lagarde, xustificou a suba de tipos e a intención de "aumentalos significativamente máis", porque a inflación segue sendo "demasiado alta" e prevese que permaneza por encima de 2% durante demasiado tempo.

Deste modo, a francesa sinalou que os riscos para as perspectivas de crecemento da eurozona inclínanse á baixa, especialmente a curto prazo, mentres que para as perspectivas de inflación son principalmente alcistas.

Comentarios