O Executivo español anuncia un recurso contra o veto á pesca mentres aparece unha nova ameaza para a frota galega

O Consello para a Exploración do Mar pide fechar a pesca de xurelo entre Fisterra e o golfo de Bizkaia durante o ano 2023.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, esta cuarta feira na sesión plenaria do Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, esta cuarta feira na sesión plenaria do Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, avanzou esta cuarta feira durante o pleno do Congreso que o Goberno español recorrerá ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o veto á pesca de fondo.

Planas manifestou que a decisión da Comisión Europea é "profundamente inxusta para o sector pesqueiro" e que a información científica que sustenta a decisión do Executivo comunitario é "insuficiente e anticuada". "A máis moderna dispoñíbel que estaba sobre a mesa da Comisión non se tivo en conta", asegurou.

Así mesmo, afirmou que existe "un problema de equilibrio" neste veto, xa que, segundo o titular de Pesca, "o Goberno español defende a saúde de fondos e mares do océano, pero tense que facer de forma proporcional cos intereses dos pescadores".

A Comisión Europea aprobou a 15 de setembro fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de protexidas en augas comunitarias do Atlántico Nororiental tras adoptar unha norma á que se opuñan o Estado español e Irlanda, o que na práctica supón vetar a captura de especies en augas con profundidades superiores a 1.500 metros. A decisión afecta a frota galega que faena no Gran Sol. 

Na sesión de control ao Goberno, o PP reprochou que Planas non sexa capaz de "sumar aliados" para xuntar "unha fronte máis ampla" ou "armar un recurso gañador". "Nunca vostede tivo tanto apoio", asegurou o deputado Joaquín María García Díez, antes de apremar o ministro a que "pelexe a suspensión temporal" do regulamento e que a Comisión "revise a súa decisión".

Instan o Goberno a pedir a suspensión cautelar do veto

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, levou unha pregunta á Cámara Baixa sobre a postura do Goberno estatal en relación a este veto e as medidas que tiña pensado levar a cabo.

Rego asegurou que a decisión de impor este veto á pesca foi tomada “sen ter en conta o seu impacto socioeconómico e sen levar a cabo as debidas consultas aos sectores afectados”. “Un modus operandi que pode sentar un precedente perigoso”. 

Sobre o anuncio do recurso ante o TXUE, o nacionalista salientou que é unha medida “imprescindíbel” mais “insuficiente”, xa que o veto entra en vigor o 9 de outubro. “Hai que solicitar a suspensión cautelar e despregar toda a presión política posíbel”, resaltou Rego, que tamén subliñou que é “imprescindíbel" que o Estado adopte medidas compensatorias mentres dure a prohibición de pescar.

Nova ameaza á frota: agora sobre a do cerco

Esta cuarta feira coñeceuse unha nova ameaza para o sector pesqueiro, xa que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (organización que promove e coordina os recursos naturais do Atlántico Norte) recomendou fechar a pesca de xurelo entre Fisterra e o golfo de Bizkaia durante o ano que vén. 

Alberto Castro, da Asociación de Cerqueiros da Galiza (Acerga), resaltou a incoherencia dunha proposta de recorte da totalidade da pesca de xurelo nunhas zonas nas que as capturas son máis abundantes que en outras nas que non se propoñen ningún tipo de medidas.

Rueda, Pontón e Formoso apelan a defender a pesca

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitaron esta cuarta feira o Congreso Internacional de Transformación e Comercialización de Produtos do Mar (Conxemar) no recinto feiral de Vigo (Ifevi).

Rueda subliñou que o Executivo estatal "fixo o que tiña que facer" ao presentar o recurso ante Bruxelas contra o veto á pesca de fondo. Pontón, ademais de exixir a moratoria do veto e, en caso de que non se consiga, axudas compensatorias directas para o sector, apostou por rebaixar a 4% o IVE dos produtos pesqueiros. Pola súa parte, Formoso celebrou o recurso anunciado polo Executivo español e instou a Xunta a "facer o seu traballo" por un cambio na decisión da Comisión Europea, que "preside o PP", lembrou.

Comentarios