Mar

O BNG reclama unha "fronte común" contra o veto da UE á pesca de fondo en 87 caladoiros

Esta decisión "pode supor a morte da pesca galega tal e como a coñecemos", apunta o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza.
Encontro entre representantes do BNG e dos armadores de Vigo, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro entre representantes do BNG e dos armadores de Vigo, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu nesta segunda feira a creación dunha "fronte común" para facer "presión política" ante a decisión da Unión Europea de fechar á pesca de fondo 87 áreas de augas comunitarias.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, após manter unha reunión cos responsábeis da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), na que tamén participaron a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda; a deputada na Cámara galega Carmela González e o concelleiro do BNG na cidade, Xabier Pérez Igrexas.

Pontón constatou, tras o encontro, que hai "preocupación e indignación" no sector, ante unha decisión "que pon en risco centos de empregos" nun sector "estratéxico" para a economía da Galiza.

Após alertar do "impacto brutal" que ten esa medida, que entrará en vigor en 20 días, a portavoz nacional do BNG sinalou que a decisión "non ten en conta o impacto socioeconómico" no país, nin tampouco se basea en criterios ambientais claros, senón que é unha medida "arbitraria" que "vai en contra do sector".

"Non o podemos permitir, temos que facer unha fronte común", proclamou, e lembrou que "non é a primeira vez" que a UE adopta unha decisión que "logo ten que rectificar". "O propio sector fixo un gran esforzo para ser sustentábel [...], úsase aquí un criterio pero deféndense outros intereses", apuntou.

Por iso, e após advertir de que o fechamento desas áreas suporá un "incremento de prezos" para as persoas consumidoras e o aumento de importacións de peixe de países terceiros "que non teñen os mesmos controis sanitarios", instou o Goberno estatal a presentar un recurso para evitar este "auténtico sensentido".

Nesa liña, avanzou que o BNG pedirá as comparecencias no Congreso do ministro de Pesca, Luis Planas, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento da Galiza, así como unha reunión urxente co comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevičius. "Hai que facer presión política [...], é un tema central para o país, e está a man tendida do BNG para unha fronte común en defensa da pesca galega", insistiu Pontón, quen engadiu que "a voz do sector debe ser escoitada".

A "morte" da pesca galega

Pola súa parte, o presidente de Arvi, Javier Touza, reiterou que a aplicación dese fechamento "pode supor a morte da pesca galega tal e como a coñecemos", e repetiu que a medida terá "un impacto inmediato" en máis de 60 buques de palangre galegos, aos que hai que sumar frotas como a 'volanteira' e a de arrastre.

A respecto desta cuestión, incidiu en que as áreas vetadas teñen "enorme valor" para esta frota galega, que ten alí "máis de 50%" do recurso e os seus esforzos, con "especies de gran valor".

Aliás, volveu recalcar que os mariñeiros galegos teñen no seu haber "un histórico de protección ambiental" e, por iso, non se entende que se adopte esa decisión "unilateral", sen ter en conta o impacto socioeconómico nunha zona altamente dependente da pesca e, "o máis sangrante", sen ter en conta "o máis mínimo a opinión do sector".

Javier Touza, que repetiu que buscarán por vía xurídica unha paralización cautelar do fechamento, tamén subliñou que esta decisión se adoptou con informes científicos "sen actualizar" e que non son concluíntes.

Por todo iso, lamentou que Bruxelas tornase "nunha máquina de xerar euroescépticos" e criticou que o sector pesqueiro galego "foi perdendo ao longo dos últimos anos" debido a este tipo de decisións, e non só pola perda de emprego entre as tripulacións, senón tamén polo impacto en terra.

"Estamos decididos a usar todos os instrumentos xurídicos ao noso alcance", proclamou Touza, que tamén instou a formar unha fronte común no que participe "toda a cadea" mar-industria, porque "non fan falta declaracións, senón feitos, e non queda outra que pór toda a carne no asador".

Finalmente, lembrou que o fechamento de 87 áreas de pesca colle ao sector "coas pilas baixas", inmerso nunha crise de prezos e aínda padecendo as consecuencias da pandemia da Covid-19. "O desánimo é tremendo, e a inoportunidade de Bruxelas é clara [...] non merecemos isto e loitaremos con unllas e dentes", resolveu.

Comentarios