O Goberno español recorrerá ante o Tribunal de Xustiza da UE o veto á pesca de fondo

Néstor Rego preguntou ao ministro Luís Planas polas medidas que adoptará o Executivo estatal mentres dure a prohibición.
Barcos no porto de Viveiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Barcos no porto de Viveiro. (Foto: Europa Press)

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, avanzou esta cuarta feira durante o Pleno do Congreso que o Goberno español recorrerá ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea o veto á pesca de fondo.

Planas manifestou que a decisión da Comisión Europea é "profundamente inxusta para o sector pesqueiro" e que a información científica que sustenta a decisión do Executivo comunitario é "insuficiente e anticuada". "A máis moderna dispoñíbel que estaba sobre a mesa da Comisión non se tivo en conta", asegurou.

Así mesmo, afirmou que existe "un problema de equilibrio" neste veto, xa que, segundo o titular de Pesca, "o Goberno español defende a saúde de fondos e mares do océano, pero tense que facer de forma proporcional cos intereses dos pescadores".

A Comisión Europea aprobou este 15 de setembro fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de protexidas en augas comunitarias do Atlántico Nororiental tras adoptar unha norma á que se opoñían o Estado español e Irlanda, o que na práctica supón vetar a captura de especies en augas con profundidades superiores a 1.500 metros. A decisión afecta a frota galega que faena no Gran Sol.

Pregunta do BNG ao ministro Planas

Precisamente, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, levou unha pregunta á Cámara baixa sobre a postura do Goberno estatal en relación a este veto e as medidas que tiña pensado levar a cabo.

Rego asegurou que a decisión de impor este veto á pesca foi tomada “sen ter en conta o seu impacto socioeconómico e sen levar a cabo as debidas consultas aos sectores afectados”. “Un modus operandi que pode sentar un precedente perigoso”, advertiu.

“O BNG defende a sustentabilidade dos mares”, explicou, “pero unha decisión destas características deberían adaptarse ao rigor científico, tomando en consideración tamén a variábel socioeconómica”.

Sobre o anuncio do Goberno español que presentará ante o Tribunal de Xustiza da UE, Rego salientou que é unha medida “imprescindíbel” pero “insuficiente”, xa que o regulamento que fixa o comezo do veto entra en vigor o 9 de outubro. “Hai que solicitar a suspensión cautelar e despregar toda a presión política posíbel” por parte do Estado español.

Medidas compensatorias

O deputado nacionalista tamén subliñou que é “imprescindíbel" que o Executivo estatal adopte medidas compensatorias mentres dure a prohibición de pescar nesas zonas.

Rego lamentou que, “se esta crise afectase a banca xa teríamos un plan de rescate sobre a mesa”. “Onde está ese plan para a pesca, señor ministro?”, concluíu o deputado.

Comentarios