"O veto á pesca de fondo afectará máis de 50% da produción da frota de Celeiro"

A secretaria xeral de Pesca do Estado español, Alicia Villauriz, sinalou a existencia de "moitos erros" na decisión de veto da pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico.
Suso Lourido é o responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro, no municipio de Viveiro (Porto de Celeiro).
photo_camera Suso Lourido é o responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro, no municipio de Viveiro. (Foto: Porto de Celeiro)

A secretaria xeral de Pesca do Estado español, Alicia Villauriz, compareceu esta segunda feira ante os medios na inauguración do X Congreso Conxemar-FAO, onde afirmou, con respecto á decisión da Comisión Europea de estabelecer un veto á pesca de fondo nun total de 87 caladoiros do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz, que "o que temos diante é unha fixación de áreas desequilibrada tecnicamente, con moitos erros e que é necesario corrixir".

"Non hai claridade sequera en como se vai aplicar o control nesas zonas e en que profundidades", apuntou, para despois requirir a necesidade de "clarificar todo iso e reverter a situación naquelas artes nas que non se tiveron en ningún momento en conta a información científica existente". Sobre a posibilidade de presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), Villauriz explicou que se necesita "un tempo razoábel para armar xuridicamente o que temos até o de agora en información técnica".

Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu esta segunda feira en pedir unha suspensión do veto á frota de fondo en 87 zonas cuxa aplicación está prevista a partir deste domingo 9 de outubro. Os armadores "gardan as maiores posibilidades de pesca para finais de ano" e é xusto no Nadal cando se obteñen "os mellores prezos posíbeis", motivo polo que a frota espera esta campaña, destacou a conselleira do Mar. Quintana tamén sinalou que o Executivo do Estado español, que estuda interpor recurso, "aínda non confirmou en que data o vai presentar".

Unha medida "sen ningún tipo de respaldo científico"

"Ninguén nunca esperou no Celeiro que se lle dese para adiante a unha tráxica decisión dunha maneira tan destrutiva e sen ningún tipo de respaldo nin científico nin de ningún tipo", afirmou o responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro (Viveiro), Suso Lourido, en declaracións a Nós Diario.

"No conxunto da frota de Celeiro estimamos que a decisión afectará por encima da metade da produción, pois esta faise nas zonas das que o domingo nos botan fóra", explicou Lourido. 

"O sentimento e a percepción da frota é que vai ser catastrófico", sinalou o representante dos produtores de Celeiro, que adheriu que "está pendente o estudo socioeconómico que ten en conta o impacto indirecto, sobre o que non queremos aventurar unha cifra concreta".

Rego levará o veto á sesión de control do Congreso

O BNG trasladará a situación do sector pesqueiro galego na sesión de control ao Goberno español esta cuarta feira no Congreso. O deputado nacionalista, Néstor Rego, demandará ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (Luis Planas) "levar a cabo todas as medidas e actuacións necesarias para que a Comisión Europea rectifique a decisión de fechar 87 caladoiros nas augas comunitarias do Atlántico ás artes de fondo". 

“Reclamaremos ao ministro unha posición moito máis clara e contundente. Non é de recibo estar aínda a estas alturas dubidando de se presentará recurso” afirmou esta segunda feira o representante do BNG. Esta decisión “é gravemente prexudicial para a frota pesqueira galega", sinalou.

"Impacto tremendo" e perda de "varios miles" de empregos

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que agrupa 14 Concellos, Fran Caxoto, pediu que se suspenda "preventivamente" o veto que impón a Comisión Europea á pesca de fondo, ao calcular que na comarca afectará a "varios miles" de empregos. "É un impacto tremendo nun sector que tradicionalmente deu moitos postos de traballo nos principais portos da comarca que son Celeiro (Viveiro) e Burela, que dependen disto".

Comentarios