A CIG prepara unha ofensiva "xudicial e institucional" contra o veto á pesca de fondo

"Nin a España nin a Europa impórtalles a nosa frota", lamenta Paulo Carril.
Paulo Carril e Xavier Aboi, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: CIG)
photo_camera Paulo Carril e Xavier Aboi, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: CIG)

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou esta terza feira a articular unha ofensiva "xudicial, institucional e de mobilización" contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 caladoiros do Océano Atlántico. Ao seu entender, esta decisión, que entrará en vigor o próximo domingo, supón un "duro golpe" para a frota galega e ameaza "millóns de empregos" no país.

Por iso, Carril anunciou que a CIG prepara xa a presentación dun recurso contra a decisión da Comisión Europea, á vez que reclamou a adopción de medidas compensatorias inmediatas para as persoas e as empresas afectadas.

En rolda de prensa, Carril e o responsábel de CIG-Mar, Xavier Aboi, destacaron a urxencia de facer unha "fronte común" que dea unha resposta "contundente" ante a inminente aplicación deste regulamento "devastador" para a pesca galega.

Por iso, a organización sindical mantivo contactos nos últimos días con diferentes asociacións de armadores para abordar a situación. Aliás, tratou de contactar, "sen éxito", co Goberno estatal e a Xunta para artellar unha ofensiva xudicial coa presentación de tres recursos: un por parte dos sindicatos, outro polas empresas e outro polas institucións.

O sindicato xa está "preparado" para a presentación do recurso, "tendo en conta que se atacan os intereses dos mariñeiros galegos", polo que consultou coa Universidade da Coruña e a de Santiago para abordar o apartado xurídico.

Carril recoñeceu que este recurso non vai impedir a entrada en vigor do regulamento, "mais pode solicitarse a adopción de medidas cautelares, tal e como demanda o propio sector".

"Preocúpanos moito que a desidia dos gobernos se traduza nun amarre da frota ou no seu desprazamento no peor dos casos, que é o que parece que busca a Unión Europea", lamentou. "Nin a España nin a Europa impórtalles a nosa frota", engadiu.

Para Carril, a mobilización vai ser un "elemento fundamental" neste conflito, polo que chamou todos os galegos e galegas a sumárense á manifestación convocada en Ribeira o vindeiro sábado, día 8, ás 19 horas.

Comentarios