Expertos advirten dos riscos dunha burbulla no negocio das enerxías renovábeis

A burbulla das renovábeis estóupalle a Ecoener

Ecoener non se salva da queima nos seus primeiros días como cotizada. Após os duros axustes ás súas accións nos tres primeiros días en bolsa, outras compañías de renovábeis renuncian a buscar financiamento nos mercados. A sombra dunha burbulla especulativa paira sobre o conxunto do sector.
Parque eólico no Monte Seixo, na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)
photo_camera Parque eólico no Monte Seixo, na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)

As dúbidas dos mercados en relación con Ecoener confírmanse. Após tres días cotizando no Mercado Continuo e tras liderar as caídas do índice na súa primeira xornada, a compañía galega de renovábeis ten perdido practicamente o 20% do seu valor e a tendencia, segundo os analistas, apunta á continuación da sangría nas próximas semanas. As causas deste comportamento non se poden desligar dos temores que a historia da compañía e o pasado do primeiro accionista provoca en moitos investidores. Porén esta é unha cuestión secundaria para a maioría dos expertos e coñecedores da operación. 

Ademais, no día de hoxe, Onchena, vehículo inversor da familia Ybarra Careaga, erixiuse no segundo máximo accionista de Ecoener, tras tomar unha participación de 6,147% no grupo de renovábeis no marco da súa saída á bolsa.

Ecoener anunciou hai uns meses a súa intención de saír á bolsa para recadar 182 millóns de euros co obxectivo de financiar parte da construción e desenvolvemento de 1.669 megavatios na eólica, na hidráulica e na fotovoltaica. A falla de resposta dos investidores obrigou a retrasar a chegada ao Mercado Continuo e a reducir a proposta inicial en 83 millóns de euros, tras testar Societé Generale e o resto da banca comprometida na operación as dificultades para cubrir a oferta. Neste caso, de pouco lle ten servido ao primeiro executivo da compañía, Luís Castro Valdivia, destacar que a empresa conta con 141,2 megavatios de potencia instalada, presenza en sete Estados e con conselleiros como os antigos ministros de Aznar Ana de Palacio ou Eduardo Serra.

A compañía de Castro Valdivia non é a primeira empresa de renovábeis golpeada nos últimos meses polos investidores. Neste grupo, sitúase Grenergy, quen após colocar a finais de 2019 unha ampliación de 12% de capital cae en bolsa ao longo de 2021 máis de 14%. Outro tanto acontece co xigante estatal da enerxía fotovoltaica, a compañía madrileña propiedade da familia Díaz-Tejeiro Larrañaga, Solaria, que perde nos últimos tres meses a metade da súa capitalización. Os propios xigantes do sector non están pasando tampouco os seus mellores momentos e o seu valor mantense polas compras de autocarteira e a estabilidade fornecida polos investidores institucionais.

Opdenergy

O fracaso de Ecoener ten levado outras compañías de renovábeis a adiaren a súa saída aos mercados. Hoxe mesmo, Opdenergy decidía comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores a súa decisión de atrasar sine die a súa saída a bolsa, prevista para hoxe, “á vista das inestábeis condicións dos mercados”. Outros operadores enerxéticos, como Acciona ou Repsol, que pretendían sacar á bolsa durante este ano a súa división de renovábeis están decididos a cancelar a operación, para evitar unha baixa no valor dos seus activos.

Os directivos das compañías eléctricas non dubidan en cualificar de burbulla os últimos movementos no sector. O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, utilizou este termo para referirse ao aluvión de saídas á bolsa “para extraer valor a corto prazo coas renovábeis”. Un directivo dunha empresa eólica galega que quere gardar o seu anonimato sinala a Nós Diario que “saír ao mercado é a forma máis fácil e barata que teñen as compañías deste sector para financiarse. Con todo, os procesos para executar os proxectos teñen un alto custo e levan tempo.

Ademais unha parte moi importante dos megavatios previstos non van chegar a desenvolverse”. O fenómeno acada un carácter global até o punto de que o economista australiano Steve Keen non dubida en vincular o denominado New Green Deal e a aposta polas enerxías verdes cunha operación especulativa, característica do "capitalismo financiarizado”. Neste sentido, explícanse as importantes cantidades de diñeiro destinadas dentro do programa Next Generation ao apoio das enerxías renovábeis.

Comentarios