venres 07/05/21

Alertan o regulador bursátil pola "burbulla" das renovábeis

A asociación de accionistas minoritarios Aemec traslada a súa "inquietude" á CNMV ante o salto ao parqué de compañías como a galega Ecoener.
Sede CNMV
Sede da Comisión Nacional do Mercado de Valores (Foto: CNMV)

A Asociación española de accionistas minoritarios de empresas cotizadas (Aemec) pediu á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que estea "atenta e vixiante" ante o aluvión de saídas ao mercado no sector das enerxías renovábeis, xa que, alertou, podería xerar unha "burbulla financeira, de importantes potenciais riscos" para as persoas investidoras.

A través dunha misiva ao presidente da CNMV, Rodrigo Buenaventura, Aemec amosa a súa "inquietude" ante algúns dos proxectos que aspiran a cotizar en Bolsa porque "distan moito de ofrecer a imaxe e seguridade que todos queremos ver nun mercado serio e rigoroso como é o Mercado continuo español".

En concreto, a asociación pon o foco sobre a inminente saída á Bolsa da galega Ecoener, que ten previsto o seu debut para o próximo 4 de maio, despois de ter que atrasalo uns días e de recortar o tamaño da súa oferta.

No seu escrito á CNMV, a asociación considera que Ecoener é unha empresa "constituída o ano pasado, cun consello composto hai menos dun mes, con presenza de conselleiros de nula vinculación co mundo enerxético, sen estados financeiros consolidados auditados máis aló do último exercicio e cun accionista único", motivos que xustifican "lanzar unha fundada preocupación ante a oferta", aínda que entende que o regulador, após aprobar o folleto da oferta de  Ecoener, non observou "ningún incumprimento flagrante da normativa".

Porén, lembra a CNMV que "a súa misión, por lei, vai máis aló da mera verificación formal dos procedementos, xa que a protección do investidor é a razón última da súa existencia".

Lista para debutar

Pola súa banda, Ecoener xa ten prezo de saída. Comezará a cotizar en Bolsa a vindeira terza feira, 4 de maio, a un prezo de 5,90 euros por acción, o que supón unha capitalización de aproximadamente 336 millóns de euros no momento en que as súas accións comecen a cotizar.

O presidente e conselleiro delegado do grupo, Luís de Valdivia, que será o encargado de dar o simbólico "toque de campá", sinalou que Ecoener "dimensionou" a oferta "ao apetito do investidor".

 Após a liquidación da oferta, o accionista único da compañía manterá unha participación do 70,98% do capital social.

comentarios