Fracaso de Ecoener na súa saída a Bolsa: cae 15%

A firma galega de renovábeis fecha a súa primeira xornada no parqué cun esborralle de 15%.
Luis de Valdivia, presidente de Ecoener, durante o protocolario toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME)
photo_camera Luis de Valdivia, presidente de Ecoener, durante o protocolario toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME)

'We are different' (Nós somos diferentes) podíase ler no escenario preparado para a ocasión. E abofé que o foron. A firma galega Ecoener protagonizou hoxe o primeiro fracaso dunha firma de renovábeis na súa saída a bolsa.

Após reducir as súas pretensións na fase de colocación, a empresa capitaneada por Luis de Valdivia ─encargado do protocolario toque de campá─ comezou esta terza feira a cotizar a un prezo de 5,9 euros por acción no mercado continuo da Bolsa de Madrid.

Nos primeiros momentos, os títulos chegaron a revalorizarse preto de 2%, pero conforme avanzou a xornada a tendencia á baixa foise acrecentando até rematar nos 5 euros por título, o que supón un esborralle histórico de 15,2% no seu debut bursátil.

O de Ecoener estaba chamado a ser a primeira gran saída dunha firma de renovábeis ao parqué e o termómetro para o resto de candidatas a dar o salto: Acciona, Opdenergy e Repsol.

Após o tradicional toque da campá, Valdivia asegurou non estar preocupado pola evolución na estrea.

Así, incidiu en que a firma galega "mira ao longo prazo e os momentos puntuais non deben despistar do obxectivo de crear unha empresa sólida e estábel no medio prazo".

Respecto a unha valoración, dixo que chegará cando teñan esas metas cumpridas. En todo caso, o empresario conservará o 70% das accións.

Comentarios