Ecoener patina na súa saída á Bolsa e vese obrigada a recortar as previsións

A firma galega de renovábeis atrasa até o 4 de maio a súa saída a bolsa e reduce á metade o obxectivo de captación de novas accións.
Parque eólico de Ecoener nas Illas Canarias (Foto: Ecoener).
photo_camera Parque eólico de Ecoener nas Illas Canarias (Foto: Ecoener).

As firmas de renovábeis viven o seu particular momento de esplendor. Á custa de colocar muíños por todo o territorio, estas compañías están a experimentar un crecemento similar ao dos anos da burbulla económica de 2008. De feito, non son poucas as empresas que están a estudar o seu salto ao mercado de valores. 

A primeira en facelo será a galega Ecoener, presidida polo empresario Luis de Valdivia, con sede na Coruña e dous ex ministros do PP no seu consello de administración. O salto ao parqué estaba previsto para esta sexta feira, 30 de abril, mais a compañía vén de notificar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que atrasa a súa saída a Bolsa ao próximo 4 de maio.

Xunto a esta decisión, Ecoener acordou tamén rebaixar practicamente á metade o obxectivo de captación da colocación de novas accións, pasando dos 200 millóns de euros iniciais aos 110 millóns de euros.  

Nun principio o grupo esperaba obter aproximadamente 181,8 millóns de euros mediante a oferta inicial de aproximadamente 25 millóns de accións de nova emisión que representaban até 38,5% do capital social da entidade após a conclusión da oferta de colocación. Os fondos obtidos polo grupo podían aproximarse até os 200 millóns de euros se se exercitaba a opción de sobreasignación de até 10% da oferta inicial, o que suporía a emisión adicional de 2,5 millóns de accións e elevaría a 40,8% o capital colocado.

Rebaixa de expectativas

Agora, en pleno proceso de colocación, a compañía galega decide axustar o tamaño da súa oferta total de accións ordinarias a 100 millóns de euros, ampliábeis até un máximo de 10 millóns ─fronte aos 18 millóns da opción inicial.

Faino ante unha demanda insuficiente para colocar o capital inicialmente previsto, e iso que nas reunións previas con investidores institucionais logrou captar unha achega por parte do fondo GAM de 15 millóns de euros a cambio de 3% do capital. Con todo, dous días antes da publicación do folleto de emisión ─o pasado 15 de abril─ tan só tiña comprometido 25% da emisión, segundo os datos de Bloomberg. 

Esta quinta feira debutará a través dun proceso de listing, no que non hai venda de accións nin vellas nin de nova emisión. O prezo de saída mantense, mais coa nova oferta de accións a valoración total da compañía cae a un rango de entre 320 e 370 millóns de euros. 

No que respecta á retribución ás persoas accionistas no futuro, Ecoener adoptou unha política de dividendos orientada a reinvestir o seu fluxo de efectivo operativo no desenvolvemento de novos proxectos para impulsar o crecemento a longo prazo e mellorar o valor para as persoas accionistas e, por tanto, non prevé distribuír dividendo en efectivo durante os tres anos posteriores á oferta.

Na actualidade, a firma, cuxo fundador, único accionista e presidente é Luís de Valdivia Castro, conta con 141 megawatts  (MW) en operación en España, Honduras e Guatemala, 142 MW en construción e unha carteira de aproximadamente 1,5 xigawatts (GW) en distintas fases de desenvolvemento. 

Termómetro para o resto

O grupo coruñés será o encargado de marcar o inicio do boom de saídas á Bolsa de firmas de renovábeis. A Ecoener seguirana empresas como Opdenergy ─con saída prevista para o 7 de maio─ e Acciona Enerxía, ás que se podería sumar tamén a filial de renovábeis de Repsol, que estuda o seu salto ao parqué. 

A firma enerxética galega exercerá, pois, de termómetro para o resto de compañías do sector de cara a medir con exactitude o apetito real do mercado polas enerxías renovábeis e calibrar se o excesivo interese e ofertas polas industrias verdes é ou non unha burbulla.

Comentarios