O PP exerce de canteira de conselleiros para as empresas galegas de renovábeis

Ecoener, a próxima firma galega de renovábeis en salir a bolsa, suma dous ex ministros populares ao seu consello de administración.
Sen titulo
photo_camera Beatriz Mato, Antonio Couceiro, Eduardo Serra e Ana Palacio engrosan os consellos das firmas galegas de renovábeis (Foto: Nós Diario)

As portas xiratorias, ao igual que fan as pas dos seus muíños, non deixan de virar nas empresas de renovábeis galegas e, como acontece nos parques eólicos, só o fan nunha dirección.

Os últimos políticos en sumarse á lista de cargos das compañías enerxéticas galegas son dous ex integrantes do Consello de Ministros de Aznar: Ana Palacio, a que fora ministra de Exteriores, e Eduardo Serra, que ocupara a carteira de Defensa. Ambos os dous ex ministros do PP formarán parte da equipa directiva de Ecoener, a firma coruñesa presidida por Luis de Valdivia e que prepara xa o seu inminente salto ao parqué, previsto para o vindeiro 30 de abril.

Xunto a eles, segundo figura na circular de saída a bolsa aprobada a semana pasada pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), estará Carlos González-Bueno, que tamén exercera como subsecretario de Estado nos gobernos de José María Aznar ─primeiro para o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e despois para o de Industria e Enerxía─ e como director da Oficina Española de Patentes e Marcas. 

Os tres ex políticos formarán parte como dominicais dun consello de administración no que tamén haberá outros cinco independentes: Inés Juste, Juan Carlos Ureta, María Eugenia Girón, Fernando Lacadena e Dean Tenerelli. Xunto a eles estarán Luis de Valdivia e Fernando Rodríguez, presidente e vicepresidente da compañía, respectivamente, en calidade de conselleiros executivos.

Tras os pasos de Greenalia

Ecoener será a segunda compañía galega de renovábeis que cotice en bolsa. A diferenza da súa predecesora, Greenalia, que desembarcou no Mercado Alternativo Bursátil (MAB) en decembro de 2017, vaino facer no mercado continuo, onde figuran outras cotizadas galegas como Adolfo Domínguez, Grupo San Jose, Inditex, Pharmamar ou Pescanova (os accionistas minoritarios de Nova Pescanova).

Precisamente, Greenalia foi outra das compañías que tirou da bolsa de ex altos cargos do PP para encher o seu consello. Primeiro, co nomeamento do omnipresente Antonio Couceiro, ex conselleiro de Industria con Manuel Fraga e, posteriormente e non sen polémica, co da ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, que exerce, ademais de como conselleira, como responsábel da fundación da compañía e tamén da súa división de Responsabilidade Social Corporativa.

Camiños comúns

No caso de Greenalia e Ecoener, a estratexia de ambas as empresas sitúa as Illas Canarias como un territorio chave na súa expansión. Ecoener ten xa varios parques eólicos nas illas, mentres que Greenalia aspira a levantar alí o primeiro parque eólico mariño da súa carteira de renovábeis. 

Igual que Ecoener e Greenalia, os novos conselleiros da firma capitaneada por Luis de Valdivia tamén teñen camiños comúns. Ana Palacio e Eduardo Serra non só compartiron mesa no Consello de Ministros de Aznar, tamén o fan na actualidade no consello doutra compañía galega, Pharmamar, onde ambos os dous contan ademais con participacións accionariais.

Comentarios