Ecoener, protagonista da primeira saída á bolsa dunha firma galega en tres anos

A firma, propiedade do empresario Luis de Valdivia, será a segunda empresa galega de renovábeis en cotizar en bolsa, após Greenalia
O empresario coruñés Luis Castro Valdivia nunha imaxe de arquivo
photo_camera O empresario coruñés Luis Castro Valdivia nunha imaxe de arquivo

Hai xa más de tres anos que non se produce unha saída á bolsa dunha empresa galega. Foi o 1 de decembro de 2017, cando Greenalia comezou a cotizar. Agora, outra firma de renovábeis tamén con sede na Coruña, Ecoener, será a encargada de tomar o relevo.

Segundo anunciou a compañía, a súa idea é dar o salto á Bolsa española mediante unha oferta de subscrición das súas accións ordinarias de nova emisión entre persoas investidoras cualificadas que, ao igual que o calendario, está suxeita, entre outros aspectos, ás condicións do mercado e á aprobación dun folleto de admisión pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A través desta emisión de novas accións, Ecoener prevé obter uns 200 millóns de euros cos que aspira a sufragar os gastos da operación e financiar o desenvolvemento e construción dos proxectos en carteira. Na actualidade, a firma, cuxo fundador, único accionista e presidente é Luís de Valdivia Castro, conta con 141 megavatios (MW) en operación, 142 MW en construción e unha carteira de aproximadamente 1,5 xigavatios (GW) en distintas fases de desenvolvemento. 

"Non somos unha empresa fotovoltaica nin unha empresa eólica. Tendo a hidráulica no noso ADN, somos únicos pola nosa diversificación xeográfica e tecnolóxica", sinala De Valdivia, quen destaca que a potencial saída á bolsa "daría continuidade ao labor realizado até a data e reforzaría o noso crecemento a medio e longo prazo".

"O señor das minicentrais"

Ecoener ten máis de 15 anos de experiencia no sector das renovábeis. Comezou na Galiza con varios aproveitamentos hidroeléctricos que foi incrementando nas últimas etapas de Manuel Fraga no Goberno, con Ramón Ordás, cuñado de Castro Valdivia (alterou a orde dos seus apelidos en 2018), como director xeral de Industria.

En 2005, co Goberno en funcións, Fraga adxudicou varias concesións hidroeléctricas das que as empresas dos irmáns Castro Valdivia foron as principais beneficiarias, o que lle valeu ao empresario o alcume de "o señor das minicentrais".

Por estes feitos, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) chamaría a declarar dous anos despois a Ordás e Castro Valdivia como investigados por un susposto delito de tráfico de influencias, en posíbel concurso con outros de prevaricación e suborno na concesión de nove minicentrais hidroeléctricas mais sete parques eólicos. 

A causa foi finalmente arquivada, mais a presión política levou o empresario a pór terra de por medio e probou sorte en América Latina, mais alí a situación fóiselle das mans. 

En Guatemala, Castro Valdivia tentara sen éxito, e cun violento conflito coa poboación local polo medio, levantar unha central hidroeléctrica no río Cambalam, no municipio de Barillas.

Varias ONG, entre elas Intermon Oxfam, que elaborou un informe independente ao respecto, denunciaron que os plans da empresa Hidralia, coa complicidade do presidente Otto Pérez Molina, desembocaran en represión, abusos sexuais e tiroteos. A compañía abandonou o proxecto en 2016 alegando que as exixencias técnicas, económicas e ambientais o facían inviábel, non polos probelmas sociais.

Comentarios