Fútbol

A Irmandiña está de volta: Galiza enfrontarase a Panamá o 31 de maio

A selección galega absoluta regresa oito anos despois.
Seareiros e seareiras nun partido anterior da Irmandiña. (Foto: RFGF)
photo_camera Seareiros e seareiras nun partido anterior da Irmandiña. (Foto: RFGF)

A insistencia das seareiras e seareiros galegos tivo os seus froitos. Oito anos despois dun breve retorno —após outros oito anos desaparecida— que permitiu xuntar sobre o céspede a Iago Aspas e Lucas Pérez, as grandes estrelas daquela —e aínda agora— do Celta e o Deportivo, nun partido amigábel contra Venezuela en Riazor que rematou con empate (1-1), os mellores futbolistas profesionais volverán defender as cores da Irmandiña o vindeiro mes de maio.

A Real Federación Galega de Fútbol dá resposta así ás múltiples peticións de que o combinado galego volvese competir procedentes tanto da afección como dos propios futbolistas e medios de comunicación. Tamén colectivos como Vía Galega, que en 2022 levou ao Parlamento unha proposición non de lei de iniciativa popular para defender o dereito da Galiza a "poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas", logo bloqueada polo PP. E agora o ente que preside Rafael Louzán traballa na organización do encontro, cuxo escenario aínda non se coñece, e nos vindeiros días anunciará o nome do novo seleccionador, que sucederá a dupla Míchel Salgado-Fran González.

O obxectivo é que este partido sexa de novo "un día grande para o noso fútbol", enfatizou a Federación nun comunicado no que se gabou da "excepcional xeración" de xogadores que confía reunir para esta cita armando un forte equipo que capitanearán, máis unha vez, Aspas e Lucas. "Contamos, probabelmente, co mellor plantel da historia do fútbol galego", afirman.

"Hai que ter en conta que é extraordinariamente complicado conseguir un partido deste nivel. Son moitos obstáculos os que hai que superar e agora, cun gran esforzo por parte da Federación, danse as circunstancias para que poidamos levar a cabo este soño", celebrou Louzán, mostrando a súa "satisfacción" por poder fechar este evento tan agardado.

No último encontro en Riazor a Irmandiña logrou reunir máis de 18.000 seareiros e seareiras para ver xogar xuntos, por vez primeira, a xogadores de primeiro nivel como, alén dos xa citados, Hugo Mallo, Denis Suárez, Álex Bergantiños ou Joselu. O celeste Iago Aspas estreou o marcador, mais o venezolano Josef Martínez logrou o empate no tempo de desconto.

"Despois de tanto tempo sen xuntarnos, é un partido moi especial para todos. Cando o míster faga a lista podemos ter unha gran selección, das de nivel top. Chamarei eu tamén a algún compañeiro para que veña", dixo esta terza feira Aspas en declaracións á TVG.

A Irmandiña, parte dunha 'historia inacabada'

O xornalista Héctor Pena, responsábel da sección de Deportes de Nós Diario, foi o autor da publicación coleccionábel distribuída en 2022 por este xornal Historia inacabada do deporte galego, un amplo e rico traballo que resultou gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo e que aborda, entre outras moitas disciplinas, a historia da Irmandiña de fútbol.

Máis en DEPORTES
Comentarios