Héctor Pena, gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

O xurado destacou o traballo 'Historia inacabada do deporte galego'.
O xornalista Héctor Pena na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera O xornalista Héctor Pena na Coruña (Foto: Nós Diario).

O xornalista deportivo Héctor Pena resultou gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con Historia inacabada do deporte galego, unha reportaxe publicada en Nós Diario e que destacou entre as dezaoito obras presentadas.

O xurado, que se reuniu na tarde onte estivo conformado por Antía Yánez, escritora e gañadora da edición anterior, Susana Pedreira, xornalista radiofónica e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.

Na acta, o xurado salientou "o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país". A reportaxe "fusiona pasado, presente e futuro dos deportes galegos que van desde o fútbol até os deportes autóctonos e populares, pasando polas traíñas e as artes marciais". O autor "dálle o lugar que merece" ao deporte paralímpico, sen esquecer a perspectiva de xénero. 

"Reivindicación de país"

O xornalista recibiu "sorprendido" a nova de ter gañado o premio convocado polo Concello de Bueu cunha colección de artigos que, en declaracións do propio autor, versan sobre "un tema que non está moi reivindicado", explica Pena a Nós Diario.

"Coincidindo co centenario da Selección Galega de Fútbol aproveitamos para reivindicar toda esa parte do noso deporte que non se coñece como reivindicación de país, botando luz ao papel das mulleres na historia do deporte galego", aclara.

"Esa foi a idea: construír país e reivindicar as nosas seleccións como as nosas deportistas", engade Pena. "Unha idea que xorde a raíz da exposición Galiza: un pobo unha selección da plataforma Vía Galega que eu comisariei", conclúe o xornalista, enviando un agradecemento á entidade social. 
 

Comentarios