Entregan no Parlamento máis de 6.600 sinaturas reclamando que as seleccións galegas poidan competir oficialmente

"As únicas seleccións que nos identifican aos galegos son aquelas que compomos os galegos", dixo o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao.
Integrantes de Vía Galega entregaron esta cuarta feira as sinaturas no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Integrantes de Vía Galega entregaron esta cuarta feira as sinaturas no Parlamento. (Foto: Arxina)

A plataforma Vía Galega presentou esta cuarta feira un total de 6.644 sinaturas en apoio a unha iniciativa lexislativa popular (ILP) que busca que "todas as disciplinas" deportivas conten cunha selección galega e que estas poidan competir oficialmente e a nivel internacional.

Así o reivindicou o portavoz do colectivo, Anxo Louzao, que entregou as sinaturas xunto a integrantes da plataforma no rexistro do Parlamento galego, e confiou en que a Cámara "sexa sensíbel e razoábel" á proposta.

Louzao destacou que a ILP ten "o apoio explícito" do BNG, mentres que o PSdeG "non se posicionou" en cuestións como a posibilidade de competir en torneos oficiais, que, alegan os socialistas, é algo "moi complexo".

A respecto da bancada popular, Anxo Louzao dixo que se comprometeron coa plataforma a "estudar o tema", se ben "aínda non deron unha resposta". "Espero que reflexionen moi profundamente e dean o seu apoio", subliñou.

Louzao explicou tamén que a iniciativa recolle "o dereito que ten que ter todo pobo" a gozar dunha selección propia. "As únicas seleccións que nos identifican aos galegos son aquelas que compomos os galegos", afirmou, ao tempo que reclamou que se formen "seleccións masculinas e femininas en todos os deportes" e que, cando un galego ou galega suba ao podio, "poida exhibirse" a bandeira e escoitarse o himno da Galiza.

"Queremos mostrarnos como nación que somos e competir oficialmente nacional e internacionalmente en todos os deportes", salientou, tras o que lamentou situacións como a que se deu nos últimos Xogos Olímpicos, onde os deportistas galegos tiveron "grandes resultados" pero Galicia "estivo ausente".

Comentarios