Efeméride

Galiza 3-2 Uruguai: 17 anos do regreso da Irmandiña

O 29 de decembro de 2005, tal día como hoxe, a selección galega puña fin a sete décadas de ostracismo cunha vitoria en San Lázaro fronte ao combinado uruguaio.
Aliñación da Irmandiña en San Lázaro, o 29 de decembro de 2005. (Foto: TVG)
photo_camera Aliñación da Irmandiña en San Lázaro, o 29 de decembro de 2005. (Foto: TVG)

O golpe de Estado de 1936 botou por terra moitas das aspiracións dun boiante país que recuperaba e puña en valor a súa identidade como o Estatuto de Autonomía ou a selección de fútbol. Durante perto de sete décadas, a Irmandiña foi relegada ao ostracismo... Até que a comezos do presente século o debate da oficialidade voltou con forza e os mellores xogadores da Galiza portaron de novo as cores branca e azul.

Foi o 29 de decembro de 2005, hai hoxe exactamente 17 anos, ante as máis de 10.000 persoas que se implicaron co seu equipo en San Lázaro no que se converteu finalmente en toda unha festa nacional. Diante estaba o todopoderoso Uruguai, sen Diogo e Pablo García mais con outros futbolistas de renome como Diego Godín ou Maximiliano Pereira.

O coruñés Nano Macedo, daquela nas filas do Xetafe, foi o encargado de estrear o marcador transcorridos só nove minutos de partido, nun encontro no que a Irmandiña estivo ás ordes de Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias na área técnica.

E exerceu daquela de capitán da selección un convidado de luxo: Jorge Otero, que estaba ás portas da súa retirada deportiva. "Xa se falaba da selección galega cando tiña 18 anos e xogaba no Celta, e desde entón estiven agardando este partido, que será o colofón á miña carreira", dixera entón.

Iniciado o segundo tempo, contra o minuto 48, José Luís Deus, nado en Suíza mais de orixe galega, aumentou a vantaxe a prol da Galiza, e xa no minuto 79, a falta de pouco máis de dez para a conclusión, fixo o tres a cero.

Maxi Pereira primeiro e Juan Albín despois, este último sobre a bucina, acurtaron distancias para o combinado charrúa, dirixido por Gustavo Ferrín, e asinaron o definitivo 3-2 no marcador.

Aliñacións

Galiza: Diego López; Jorge Otero, Rubén, Cabrejo, Cabanas, Borja, Pablo Álvarez, Julio Álvarez, Nano, Losada e Capi.

*No banco de suplentes: Roberto, Dani Mallo, Míchel Salgado, Noguerol, Iago Bouzón, Dacosta, Juanito, Trashorras, Jonathan Aspas, Corredoira, Viqueira, Deus, Capi e Isaac.

Uruguai: Fabián Carini; Maxi Pereira, Godín, Carlos Valdez, Pablo Lima, Gustavo Varela, Omar Pouso, Gonzalo Castro, Adrián Sarkissian, Gonzalo Vargas e Sergio Blanco.

*No banco de suplentes: Sergio Navarro, Carlos García, Juan Albín, Javier Delgado, Leandro Ezquerra, Walter Gargano, Ignacio González, Juan Salgueiro.

Comentarios