O PP bloquea no Parlamento o camiño á oficialidade das seleccións deportivas galegas

O deporte é paixonal, e o debate no Parlamento da Proposición de Lei de Iniciativa Popular que promove que as seleccións nacionais da Galiza poidan competir oficial e internacionalmente foi o vivo exemplo. Defendida polo BNG e gabada e criticada ao mesmo tempo polo PSOE, o PP dixo "non" con formas "propias de estadio de fútbol".
A deputada popular Guadalupe Murillo, sostendo con cautela unha estreleira. (Foto: Arxina).
photo_camera A deputada popular Guadalupe Murillo, sostendo con cautela unha bandeira galega. (Foto: Arxina).

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas chegou esta quinta feira a un Parlamento Galego que puxo patas arriba. 

Promovida pola plataforma social Vía Galega e avalada por 6.661 sinaturas, o Partido Popular (PP) opúxose frontal e radicalmente á iniciativa, tanto, que en canto o deputado encargado da súa defensa, o nacionalista Daniel Castro, tomou rumbo ao estrado, abandonaron o seu posto o Goberno da Xunta en pleno, incluíndo o presidente Rueda, e boa parte da bancada conservadora.

BNG: "A diferenza do que acontece coa española, a totalidade da sociedade galega se vería reflectida na Irmandiña".

Castro, ataviado coa camiseta da Irmandiña de fútbol gaélico -o único deporte no que a Galiza está autorizada a competir internacionalmente de forma oficial-, comezou a súa intervención repasando un posíbel once da selección galega de fútbol, lembrando a ilusión que xerou o seu regreso no Nadal do ano 2005 até a súa "erradicación" polo PP en 2009 e como, a diferenza do que acontece coa española, "a totalidade da sociedade galega se vería reflectida" na mesma.

PSOE: "É moi difícil estar en desacordo coa práctica totalidade da proposta, pero co esencial, a oficialidade, non, porque sería excluínte xogar coa Galiza ou con España

O deputado do BNG tamén recordou ao hemiciclo que hai "49 nacións sen Estado e territorios" que participan nos torneos internacionais "sen que pase nada", citando os casos de Gales, Illas Feroe ou Xibraltar, concluíndo cunha mención ao historiador británico Eric Hobsbawm, quen resaltou o peso do deporte na construción da identidade nacional cando dixo aquilo de "a Comunidade imaxinada de millóns de seres semella máis real baixo a forma dun equipo de 11 persoas das que coñecemos o nome".

O PSOE aproveita o debate para gabar a Lei do Deporte

A seguinte intervención foi a do socialista Julio Torrado, representando un grupo que na véspera do debate presentou unha emenda á Proposición Non de Lei, matizándoa e diluíndoa na súa natureza para tratar de integrala no novo marco normativo estatal que se está a debater en Madrid.

"É moi difícil estar en desacordo coa práctica totalidade da proposta, pero co esencial, a oficialidade, non, porque sería excluínte xogar coa Galiza ou con España, porque os e as deportistas non poderían escoller", apostilou un Torrado que lembrou os seus tempos como xadrecista de elite tanto no combinado galego como no español.

"Isto non é un debate deportivo, senón simbólico e identitario; aquí falamos agora de algo que é inviábel e excluínte forzadamente para os e as deportistas", engadiu un Torrado que empregou o groso da súa comparecencia para pór en valor a nova Lei do Deporte.

PP: "E se Pontevedra xogase contra a Galiza?"

"Eu son pontevedresa, e orgullosa. Agora imaxinen que Pontevedra competise contra a Galiza". A frase, pronunciada pola deputada do Partido Popular (PP) e presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Guadalupe Murillo, resume á perfección o ton dun PP radicalmente oposto a unha iniciativa da que chegou a dicir que os seus defensores presentes entre o público da Cámara eran en número de 90% "pertencentes ao BNG ou ao seu sindicato de cabeceira".

A esta última formación acusouna de tratar de "rachar con España", mentres que ao PSOE botoulle en cara que a nova Lei do Deporte non é máis que "un subterfuxio para satisfacer as demandas dos socios de Sánchez, PNV e Bildu". 

"Esta Proposición carece de utilidade e busca unha Galiza pequena", concluíu unha Murillo á que tratou de responder entre os apupos e o balbordo procedente do sector azul Daniel Castro, logo de que lle botara en cara a requisa de bandeiras galegas en Pasarón que se levou a cabo no ano 2019, así como o feito de que a selección galega de fútbol leve desaparecida do panorama competitivo desde 2016. "Isto transformouse nunha bancada de fútbol das malas, nas que non se respecta e se insulta", rematou o do BNG.

Vía Galega, "alarmada" e "indignada"

A plataforma promotora, Vía Galega, amosou a súa indignación polo abandono do Parlamento por un numeroso continxente de deputados populares: "Demostraron un desprezo absoluto a algo que terían que asumir como propio".

Por boca do seu portavoz, Anxo Louzao, tamén criticou que Guadalupe Murillo acusara Vía Galega de ser "un brazo político de alguén", expresando a maiores a súa "alarma" polo "demoledor feito" de que o Goberno galego non estea disposto "a camiñar cara o seu destino lóxico, que non é outro que reclamar máis competencias para o seu país, neste caso no eido deportivo". 

Comentarios