O PSdeG presenta en Zas a súa candidatura ás municipais após 12 anos sen designación
Dimensión política da cultura
As chaves dun novo municipalismo: radiografía das necesidades da política local galega de cara ás eleccións de maio
A política instagramável de Lula da Silva
O BNG denuncia unha nova "discriminación" co hidróxeno
Pontón quere conseguir un resultado histórico nas municipais e "ampliar a base social"
O desenvolvemento eólico, epicentro do debate social
Galicia, comunidade de propietarios
Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza
Recuperar a ilusión
O tempo pandémico deixou tocadas moitas relacións sociais de diverso tipo. Malia a grande apertura que supuxo este verán de recuperación da vida en comunidade, é moita a xente que sinte que non se recuperou o anterior nivel de interacción social e está tristeira.
Con todo, e aínda pese á difícil situación internacional e á incerteza nas expectativas, hai momentos e espazos que fan respirar ilusión, que din que o futuro non está escrito e que non temos que resignarnos ao desastre.
Ver as dependentas de tendas do grupo Inditex montar unha folga na Coruña en pleno Black Friday que non só non xera rexeitamento senón que recibe solidariedade masiva, é esperanza. E que fermosura de consignas e carteis: arte popular contra quen nos empobrece. Ver a casa da cultura de Vilardevós (o concello con menor renda per cápita de Ourense) a rebentar de xente de todas as idades e condicións para escoitar como unha moza, Tamara, presenta a súa candidatura ás eleccións nunha plataforma independente nun lugar onde só había PP e PSOE, é esperanza. Máxime cando se fala tan claramente dos problemas do interior, proclamando que non é que o rural debe ter futuro, senón que "o futuro pasa por un rural vivo".
Que ante un ataque machista orquestrado pola axenda político-mediática da ultradereita a Ministra de Igualdade reciba solidariedade de practicamente todo o arco político, é un avance. Non sucedía así cando as ministras do Goberno Zapatero sufrían similar acoso.
Ás veces caemos na idea de que imos cara o retroceso social, mais, en conxunto, é obvio que avanzamos. Sen menosprezar os signos de alerta –avances da ultradereita entre a mocidade masculina, permeabilidade dos discursos xenófobos en certos contextos…– é notorio como se avanzou en igualdade cando visualizamos vídeos de TV sobre o que se opinaba hai trinta anos da violencia machista. Malia todo, malia o que queda por mudar e pelexar, a sociedade é mellor.
Tamén cómpre recuperar a ilusión para evitar a involución.