Opinión

O valor de coñecer o pasado

Foron unha excepción os medios de comunicación sistémicos que deron información dos actos da celebración do Día da Clase Obreira Galega, non é unha casualidade, faise con practicamente todas as datas que fortalecen o carácter singular da nación galega, xa que estas accións revindicativas permiten (aínda que sexa parcialmente) o coñecemento da nosa historia, ou deixan en evidencia a confrontación de clase e a dependencia nacional. Esta non é unha cuestión menor, daquela que os partidos sistémicos, mesmo aqueles que din respectar a Constitución española, que recoñece a Galiza como unha nacionalidade histórica, agochan e ignoran estas datas, ou lembran algunha illadamente para lle restar importancia á nosa singularidade histórica, cultural, lingüística. Saben que o coñecemento da propia historia, e do contexto de cada etapa, é esencial para comprender o actual modelo socio-económico, e o papel que ten o noso país en todos os ámbitos, cales son e porque as tendencias dominantes, e polo tanto, ter máis elementos para decidir cales son as follas de ruta e as forzas necesarias, e as políticas de alianza, para superar eivas e atrancos... para avanzar.

Daquela que as Irmandades e o Partido Galeguista destacaban entre outros temas: o celtismo, as revolucións irmandiñas no século XV, e o axustizamento de Pardo de Cela opóndose ao control de Galiza pola Monarquía centralista. Tamén facían fincapé en momentos do século XIX que foron fundamentais para superar os períodos escuros, como son: a Revolución de 1846, denunciando que Galiza era unha colonia da Corte; o Banquete de Conxo en 1856, na que os estudantes facían causa común coa clase obreira da época (esencialmente artesáns). Tratábase polo tanto fixar na conciencia colectiva un rastro, deixar pegadas que axudasen (e animasen) a coñecer os antecedentes (superar a foto fixa) da situación política, económica, cultural e lingüística da Galiza actual. Uns antecedentes que o imperialismo español e as clases dominantes agochan e negan ou substitúen pola española, que prima a historia do centro da península (no esencial de Castela).

Sen dúbida a falta dunha conciencia histórica en moitos povos contribuíu á colonización, e na época actual á expandir a globalización neoliberal nun mundo unipolar, e a dar forza a esta tendencia agresiva e que subordina, en beneficio das grandes potencias e fortunas, que afondaron a desigualdade e a precariedade, a violencia e conflitividade. Para que nacións e clases populares fosen totalmente funcionais ao sistema era esencial a perda de diversidade cultural da humanidade, dando pulo ao individualismo e á construción de identidades ligadas exclusivamente á supervivencia económica, triunfo profesional e á acumulación de capital e poder.

Sen dúbida é positivo, o esforzo que se fixo desde o nacionalismo, para que se teñan referentes políticos e culturais (Rosalía de Castro, Castelao, Alexandre Bóveda...). Mais como complemento, asociado e necesario, mesmo previo, porque contextualiza, ten unha enorme importancia fixar na conciencia social aqueles feitos e momentos históricos que pola súa singularidade marcaron momentos decisivos da nosa historia. Momentos que polo seu carácter colectivo estiveron e deberían estar próximos das sensacións e inquedanzas do noso povo, e formar parte do subconciente colectivo. Como a Revolución de 1846, as loitas labregas de 1870 e contra os foros a principios do século XX, a guerrilla contra ditadura, as folgas obreiras de 1972... Neste aspecto hai historiadores/as que fixeron unha contribución decisiva, tamén algunhas entidades, con pouco ou ningún apoio institucional. Non se debería facer un maior esforzo desde o nacionalismo neste tema, tanto na edición como, e sobre todo, na divulgación da nosa historia, ou de momentos decisivos da mesma?...

Comentarios