Opinión

A política

Non hai nada que me produza máis sospeita que a xente que proclama que "non lles interesa a política", o cal adoita traducirse a seren votantes do PP. Vimos dun país onde se nos ensinou a evitar o perigo de que se nos asocie con partidos de esquerdas en xeral e co Bloque en particular. É unha lección aprendida sobre os corpos que a miña avoa viu nas gabias polo monte, a lección das mestras violadas e asasinadas. É a lección de corenta anos de silencio e da voz estrepitosa dos herdeiros dunhas ideas que deberan quedar nos libros de historia do século XX como exemplo de todo o que non debe endexamais repetirse. Para que así sexa, cómpre que participemos da "política", que nos informemos, que escoitemos.

No ano 2019 recibín unha chamada do Bloque para proporme facer un libro con Ana Pontón. A idea era manter unha serie de encontros para falar con liberdade nunha conversa que acabou chamándose A semente, a árbore e a froita. É unha auténtica mágoa que este libro, publicado por Xerais, quedase tan escurecido pola pandemia porque o pensamento político de Pontón, a súa luminosidade nas ideas, referentes e conceptos, é digna de lerse con calma, alén da lama da TVG e dos exabruptos parlamentarios das bancadas populares.

Na primeira parte do libro debullamos un chisco a súa infancia, a súa adolescencia. Entre as moitas cousas interesantes que Pontón compartiu comigo, ecoaba novamente esa idea do medo a "meterse en política" que fai que o seu camiño como muller, como nacionalista, como feminista, dentro das estruturas dun partido ata chegar a ser candidata á presidencia de Galicia cobre aínda máis valor e relevancia.

No libro falamos de moitas cousas, doutros xeitos de facer política, da necesidade de arriscarse e saír ao espazo público a defender o que unha considera xusto fronte aos que seguen sen "interesarse pola política", mais beneficiándose dos estragos dos que baleiran de contido as institucións para encher os petos. Porque "non meterse en política" é tamén unha lección derrotista, de "votar aos que gañan", do proveito caciquil.

E se algo non precisamos como pobo nin como individuos é derrotismo. Cómpre dar a man á ilusión que ofrece Pontón, no valor de non ter medo a ser Política, a facer política. Porque que ela chegue á presidencia é dunha importancia capital para todas. Mesmo para aquelas ás que "non lles interesa a política". Porque política é querermos vivir con dignidade.

Comentarios