Opinión

Non son tempos de apandar

Alguén se preguntaba, hai uns días, neste xornal, se sobreviviría a cultura galega a catro anos máis de PP? Podería semellar que a resposta é si, que remedio queda, mais hai cousas que cambiaron nestas eleccións e que permiten afirmar que este non vai ser o tempo de apandar. Porque xa non lles temos medo, porque caemos na conta que eramos lexión, porque estamos seguras da nosa forza, porque estas eleccións iniciaron un cambio que vén para quedar, porque está en marcha un cambio estrutural. E con esas forzas, impulso e ganas a nosa cultura non a poderán minusvalorar, agochar, terxiversar. Comezaron vetando voces que manifestaron votar nacionalista, queren volver facer visible ese vello caciquismo (agochado e vergonzante sabemos que segue aí) aquel que cantaba José Luís Baltar: "Si no eres del PP, jódete, jódete"? É difícil crer que todo o Partido Popular quere presentarse como unha forza política que xibariza este país, que o nega e prohibe calquera voz discordante. Danche ganas de preguntar: "Hai alguén aí dentro", pero sobre todo, se esa é a Galiza pequena que eles queren van ter en fronte unha sociedade aberta, plural, con enerxía, que quere avanzar, que sabe que este país ten luz propia e que se sabe poderosa. 

Hai na cultura galega moita forza porque hai moito talento e creatividade individual que o mundo recoñece con público alí onde se presenta, con premios, distincións e presenza en todos os ámbitos, mais hai sobre todo moito traballo coral feito co entusiasmo de moitas persoas e iso ten unha forza contaxiosa e imparable. É a política do orgullo propio fronte á manipulación e a ocultación.

Esta é a sociedade que somos e que estamos construíndo, xentes comprometidas con este país, sabedoras do seu talento e querémonos así, cheas de emoción e sedución. Coa intelixencia das creadoras, das pensadoras, das ensaístas cómpre construír o futuro e tamén –hai que dicilo– se fai falta, loitar contra imbéciles e escuros que neste país están aí desde sempre. 

Comentarios