Opinión

Votar é necesario, botalos é urxente

Vai para vinte anos que tiñamos eleccións ao parlamento español, o presidente do goberno era José María Aznar, digno herdeiro do franquismo. Nosoutras falabamos da rebeldía que prendera na sociedade. Hoxe moitos destes feitos ficaron na memoria de quen os viviu, individualizáronse, e non se transmitiron ás novas xeracións, non interesa a rebeldía, nin a historia máis próxima no tempo e fica reducida a anécdotas. A ridiculización da invasión do illote de Perejil oculta as relacións con Marrocos, non se fala da historia en profundidade do Sáhara nin do pobo saharauí, nin da solidariedade galega. Non se entra na traizón española tan actual.

Quen lembra hoxe a guerra do Golfo, a nai de todas as batallas? Un conflito que vivimos nos centros de ensino, as primeiras manifestacións daquela adolescencia que aprendía a falar en público, a debater, a defender a paz contra a guerra, cando o ensino era activar o sentido crítico, cuestionar e indagar.

Quen lembra a guerra de Iraq e as armas de destrución masiva? Poida que na mente fique a imaxe de Aznar no cumio dos Azores en marzo do 2003, aquel trío de señoros. Mal asunto cando a responsabilidade política se reduce a Aznar falando con acento mexicano, cando se esquece que foi o principal apoio de Busch, que daquel cumio saíu a invasión de Iraq, a ocupación que durou até agosto de 2010. As persoas reaccionaron contra a mentira, aquelas armas de destrución masiva que nunca apareceron. O pobo saíu á rúa, lembro a manifestación do 14 de marzo do 2003 en Madrid, a Mariví Villaverde e a Alexander, ao día seguinte do adeus a Lois Tobío. A guerra pasoulle factura a Aznar, igual que todo o que aconteceu co Prestige. O máis terríbel, e ti, LV, xa non estabas connosco, foron os atentados do 11-M e todas as mentiras que responsabilizaban a ETA, o pobo tomou nota desa manipulación informativa, de quen provocou o atentado.

O pobo galego, en 2005, co seu voto, expulsou a Fraga da Xunta de Galicia. Había que botalos, esta consigna nacera no pobo que actuaba, suxeito con voz. Vangarda, desde Nunca Máis, desde Burla Negra, sábelo ben. Sermos vangarda contra a mala xestión na catástrofe do Prestige, contra a manipulación informativa. Xa pasaron máis de vinte anos e non logramos transmitir a memoria do Prestige, non entrou nas aulas, fica a imaxe da cadea humana do alumnado abrazando a costa e a literatura nos andeis. Este é o drama, sermos illas, en cadea de produción, evitar que actuemos en colectivo. Temos moitos motivos para sermos pobo: pola defensa da sanidade pública, do ensino, dos nosos montes, pola vivenda pública, pola enerxía alternativa, contra a manipulación informativa. Motivos e dereito para termos un goberno ao noso servizo, ao de Galiza.

Luísa, xa votei por correo, coma sempre; non sei se ti chegaras votar daquela. Sei que botalos é preciso, que fronte a un candidato á presidencia do PP, que nada lle queda de galego, votei pola responsabilidade de Ana Pontón. Fronte a un candidato, digno herdeiro do franquismo, votei unha muller que non se oculta e está no debate, na defensa dunha Galiza que non ten por horizonte ser un destino turístico, nin o remate dun camiño. Tamén pola túa memoria, votei por unha presidenta co pobo que quere vivir aquí, iluminada e con engurras, como a Galiza que queremos, dona de si, no mundo. 

Comentarios