Opinión

Un idiota

"Slavoj Žižek is an idiot", chiou Vijay Prashad despois de que o esloveno dixese que os rusos eran uns fanáticos relixiosos coma "os árabes".  No seu momento lin cousas de Žižek. Hoxe, Lacrimae rerum. Ensayos sobre cine moderno y ciberespacio (2006) aínda me parece un bo libro sobre cinema. Daquela valorei, por pouco habitual, a súa reivindicación de Lenin. Pero sobre todo facíame graza a zuna que mostraba contra os liberais de extremo centro que marcaban (e marcan) os límites do posible nas democracias occidentais. Caricaturizaba esa clase media bempensante coa mesma acidez que Jello Biafra e Mojo Nixon no temazo "Love me I'm a liberal": "I cheered when Clinton was chosen / My faith in the system reborn / I'll do anything to save our schools / If my taxes ain't too much more / And I love Blacks and Gays and Latinos / As long as they don't move next door...".

Menos me prestaba o seu Stalinismo-pop e, aínda menos, o seu eurocentrismo. Tras catar varios dos seus traballos e de asistir á charla que deu en 2007 en Compostela, chegaron a aburrirme a restra de chistes que repetía unha e outra vez. En realidade, poderíase dicir que Žižek foi á filosofía o que a Nova Política á esquerda: baixo un pretendido esquerdismo epatante agochábase un gran baleiro. Žižek comezou a despuntar coma provocador best seller antes de que as Primaveras Árabes desen o disaparo de saída aos movementos que en Portugal se chamarían Geração à Rasca, no Estado español, 15-M, e nos EUA Occupy Wall Street. Dalgún xeito, a crítica cultural žižekiana foi un vector de influencia intelectual –canda o laclausismo e o toninegrismo– desa nova esquerda que veriamos nacer, crecer, multiplicarse e suicidarse en tempo récord. O que a caracterizou, malia as súas simpatías por movementos coma o zapatismo, foi, precisamente, a substitución do pensamento anticolonial e antiimperialista por unha sorte de posmotroskismo. Por iso, se cadra, a cousa por aquí rematou como rematou.

Agora que vivimos na resaca de todo aquilo, personaxes coma Žižek desvarían en directo repetindo mantras propios dos liberais de extremo centro dos que rían Biafra e Nixon. Non é o único. Esa virada de esquerdista a liberal (ou a cousas aínda peores) é un clásico que tamén nestes lares atopa os seus émulos. Pero xa é mala sorte, no caso do esloveno, que a parvada que indignou a Vijay Prashad coincidise cun atentado en Moscova reivindicado polo grupúsculo fundamentalista de orixes escuras chamado ISIS.

Comentarios