Opinión

O valor dunha engurra

Hai engurras e engurras. Unhas dan experiencia, coñecemento, traxectoria vital, outras dan vergoña, implican histeria e perda de valor. Todas as engurras comparten, segundo o dicionario, ser un suco ou pregadura da pel que aparece a medida que avanza o proceso de avellentamento. Din que a perda dunha proteína de nome coláxeno inflúe na súa formación. En todo caso, as engurras existen na pel humana, e dan conta dos lugares polos que transitamos. Lugares xeográficos, emocionais ou vitais.

Mais as engurras non teñen todas o mesmo valor. Valor: ese intanxíbel que a cultura aplica, de xeito ben distinto segundo sexamos mulleres ou homes, a accións, palabras, condutas ou engurras. As mulleres estamos un pouco fartas. Mellor dito estamos fartas xa en grao sumo de aturar comentarios sobre o noso físico, a nosa roupa, a nosa cor de beizos, a nosa depilación ou a nosa maquillaxe. Estamos tan fartas en xeral que tentar criticar o cartel electoral de Ana Pontón incomoda ás mulleres de calquera ideoloxía. Como están tan cegos os señoros? Como non ven que as mulleres levamos décadas en política soportando comentarios que nos pretenden infantilizar, banalizar ou ridiculizar? 

Pois iso tamén se acabou. As mulleres chegaron á política para quedar e transformala. Chegaron despois de séculos de loita para poder votar, para poder ter o dereito de ser electas e ocupar cargos públicos. As mulleres están na política despois de séculos gañándose o dereito a ser recoñecidas como iguais na esfera do público contra quen llelo negaba. Isto é, desde os grandes filósofos como Rousseau ou Kant, até resentidos da manoesfera que pretenden cuestionar o único necesario para a política: capacidade racional e sentido común. 

Os filósofos xa perderon a batalla das ideas nese asunto, os da manoesfera nin ideas teñen. Así que até aquí o seu protagonismo.

O importante é que mentres tecleo este texto, antes de enfrontarme a explicar Kant nas miñas aulas matutinas, as e os candidatos preparan o único debate electoral da televisión pública galega. Os señores que participan saben que teñen unha moi boa rival enfronte. Con capacidade e moita experiencia. A estela do debate será decisiva para o que resta de campaña como o foi en 2016. A maquillaxe obrigatoria para os focos da televisión non se pode aplicar ás ideas e á oratoria, sentímolo por Rueda, ao que tan pouco lle gusta debater. Así que até aquí dedicarlle tempo a polémicas banais sobre carteis electorais.

Estas son unhas eleccións tan emocionantes porque o cambio é posíbel. Para as mulleres especialmente emocionantes? Pois si. Imaxinade o fartas que estamos de que se nos xulgue polo noso aspecto en todos os ámbitos da vida. Na política xa é algo insoportábel. O 18 de febreiro queremos poñer en valor cada engurra que produce o sol sachando as patacas, a humidade mariscando na ría, a calor facendo a comida, a lixivia limpando os baños, a dor parindo, o suor lavando a roupa, a ansiedade opositando, a felicidade traballando do que nos pete e a alegría de gañar o futuro. Sorrir produce engurras. 

Comentarios