Opinión

O país que queremos

Despedindo 2023 preguntábame que lle iamos pedir os galegos e galegas a Galiza este 2024. Falaba, nesa última análise do ano, dunha fórmula máxica de catro pasos para un 2024 de sucesso. Primeiro, investir no activo máis grande. No caso das persoas é a mente, no caso do país a idiosincrasia. Segundo, tomar acción sobre metas concretas. Terceiro, determinación. E cuarto, actitude cívica.

Este último paso xurdía da pregunta: en últimas, que podo facer eu polo meu país? Podo falar en galego, ir votar, estar informada, ofrecerme voluntaria, asistir a encontros veciñais, participar no debate público con opinión propia, respectar a diversidade e comprometerme na acollida, responsabilizarme das propias accións, formarme e dinamizar a vida económica da miña contorna, saber ver e valorar o tempo e esforzo de quen por min é comprometido, ser tolerante.

Algunha vez escoitei a seguinte historia. Aínda non levantara o día cando dous veciños marcharon ao monte facer leña e por algo de estrume. Cando ían chegando a un claro pareceulles escoitar que se remexía a folla e frearon. Ao pouco, viron un grupo uniformado que marchaba, con paso lixeiro, monte abaixo. Só entón, decidiron avanzar.

Os dous imaxinaron que verían chegando ao clareiro e sen mediar palabra, levantaron o corpo, baixárono ao burgo e deixárono na casa. Era sabido que se penaba duramente tocar os corpos dos paseados pero eles –que non entendían de política pero si de humanidade– ao ser interrogados contestaron: "Pareceunos que aínda respiraba".

É entre todos que con cada novo día construímos o país e o pobo que queremos ser.

Para fechar este espazo de opinión, pois desde hoxe volvo a área das análises mensuais, quixera lembrarlle a quen me lee que o campión un día foi novato; o mestre, alumno; o emprendedor, empregado; o negocio, unha idea, e o sabio, un ignorante.

A vida, como o país, é un proceso con múltiples caras que todos enfrontamos. Pero é entre todos –moi por riba dos resultados deste domingo, da xeopolítica mundial, e mesmo das adversidades do cotiá– que podemos coidar e tecer redes, desde o respecto e a cooperación, para que até dando sal ou brindando un sorriso amábel sazonemos un intre a vida do outro.

Comentarios