As primarias do PSdeG serán o 7 de abril

Anunciouno este sábado o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante a súa intervención no Comité Nacional que a formación realiza en Compostela. 

O secretario xeral do PSdeG, Valentin Gónzalez Formoso, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no comité nacional (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentin Gónzalez Formoso, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no comité nacional (Foto: Nós Diario).

O PSdeG convocou para o 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral e para o día 27 do mesmo mes o Congreso Extraordinario do que sairá ratificada a súa nova cúpula, tal e como avanzou este sábado o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante a súa intervención no Comité Nacional que a formación realiza este sábado na Cidade da Cultura, en Compostela.

González Formoso asegurou que na súa formación "non hai dedazos nin sucesións impostas nin baróns que decidan os apoios”, engadindo que “a diferenza doutras formacións (en relación ao PP), a militancia socialistas decide libremente quen quere que sexa o futuro do seu partido".

Formoso, que lembrou que hai dous anos a militancia deulle o seu apoio para encabezar o PSdeG, dixo que agora "é o momento de dar outra vez voz á militancia para que decida o rumbo socialista" nun "exercicio de responsabilidade e de deber democrático".

O anuncio chegou durante o Comité Nacional, máximo órgano de reunión entre congresos, ante o que recoñeceu que os resultados foron "malos" e que os socialistas da Galiza quedaron "moi lonxe de cumprir o seu obxectivos".

Proceso de reflexión

Todo iso nunha intervención na que considerou necesario "reflexionar profundamente" tanto sobre "os erros da campaña como dos últimos anos", tendo en conta que, na súa opinión, algunhas das causas que levaron á formación socialista até estes resultados "veñen de lonxe".

No seu discurso, e despois de subliñar a súa vontade de non evadir responsabilidades e de admitir os "fallos e os erros" nos que puido incorrer a executiva, considerou que o vivido debe servir como punto de partida.

Ademais, tras chamar aos presentes para que "levanten a cabeza" e a "sacar o mellor de si", reflexionou sobre o feito de que o partido tivese cinco candidatos en 15 anos.

"Debemos tomar nota de que o electorado galego é moi maduro, sabe perfectamente o que vota e debemos profundar no proxecto de país e no perfil galeguista", sinalou González Formoso.

Besteiro responsabilízase

Formoso foi o encargado de abrir unha cita política que reuniu a máis de medio milleiro de socialistas e no que unhas 70 persoas tomaron a palabra. Segundo distintas fontes socialistas, escoitáronse voces críticas que pedían a dimisión da dirección e rexeitaban un "congreso exprés" e outras que trasladaban o seu apoio a Besteiro para que capitanee o futuro do partido.

Entre a militancia que interveu estivo o propio Juan Ramón Gómez Besteiro, quen tomou a palabra en último lugar. O político lucense asumiu a responsabilidade "como candidato" duns resultados que recoñeceu que "foron malos". Ademais, mostrouse convencido de que "sen o Partido Socialista non hai posibilidade de cambio" polo que avogou por abrir un proceso de "crítica, autoanálise e preparación do futuro".

Todo iso nunha comparecencia pechada aos medios na que volveu a subliñar a súa vontade de "responder por Galicia" e "defender o proxecto". Así, asegurou que asume o mesmo compromiso que trasladou fai uns 11 anos cando compareceu nun comité nacional no que se discutía se se elixiría ao candidato por primarias ou mediante a decisión dos delegados. "Non estaba decidido, pero eu comparecín para dicir que me ía a presentar, houbese congreso ou non, porque a decisión última téñena que ter os militantes", afirmou.

Comentarios