Opinión

Cultura, para que?

Ningunha política é neutra, e a(s) política(s) culturais seguramente as que menos. E, non ter política cultural, máis alá dos grandes espectáculos do Xacobeo, é en si mesma unha política cultural, un xeito de entender o mundo e as necesidades e dereitos da cidadanía.Se acreditamos que a cultura é unha ferramenta esencial para a formación persoal e a transformación social, que é indispensable na vertebración social e territorial do noso país, sabemos que precisamos pular por políticas culturais que sitúen o pobo galego no centro, que estimulen a participación cidadá, que impulsen, apoien e coiden a creación artística, que visibilicen a nosa produción cultural, que protexan a cultura de base.

Dio moitas veces Xurxo Souto e sabemos que di a verdade: somos un pobo de artistas. Este país ten moito talento na creación e na produción de bens e servizos culturais, mais fronte á desafección de quen nos goberna necesitamos un cambio e necesitámolo xa. Un goberno capaz de dialogar, confiar, acompañar, ensinar, promocionar e vender a cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fai sentir que somos unha potencia.

Levamos padecendo, demasiado tempo, unha política cultural que se asenta nesa confusión interesada, moi frecuente na dereita, de equiparar cultura e espectáculo. E cando isto sucede, o investimento para unha cultura emancipadora, espazo da construción das ideas, ferramenta para a convivencia e para o orgullo de país, que conte coa participación de todos os sectores; en definitiva, que mellore a vida da xente, vese sempre vampirizada. Sabemos que en cultura non se gasta, en cultura invístese, por iso, recortar orzamento en cultura só produce miseria total.

Precisamos novas políticas culturais que teñan como un dos obxectivos básicos a promoción da identidade. "Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza" (Seoane dixit) e o fomento da creatividade, que dean maior protagonismo ao ámbito da creación e das creadoras e que incorporen a cultura de base.

Comentarios