Imprimir

Os fondos de investimento sitúan Galiza "no vagón de cola" do Estado español

Pablo Barro | 13 de xaneiro de 2021

O conselleiro Francisco Conde participou na presentación do estudo de DBO (Foto: Xunta da Galiza).
O conselleiro Francisco Conde participou na presentación do estudo de DBO (Foto: Xunta da Galiza).
O tecido produtivo recibiu 2,5 de 1.561 millóns en 2020. A crise da Covid-19 acrecentou a necesidade de mudar a estrutura produtiva da Galiza para facela máis competitiva e adaptada aos novos tempos. A Xunta ten por diante a misión de canalizar os esforzos investidores que permitan facer realidade ese cambio e para iso estuda a creación dun fondo que deixará en mans de xestoras privadas.

O conselleiro de Economía e vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, anunciou hoxe que a Xunta, dentro do seu plan de transformación do tecido empresarial, estuda a creación dun fondo público-privado para facilitar a dispoñibilidade de capital para proxectos e un plan de transformación para empresas "acompañado do asesoramento e o seguimento da Xunta" e "condicionado ao cumprimento de obxectivos", cuxo alcance levará consigo unha prima.

Este novo fondo, que se impulsará a través de Xesgaliza, disporá de 30 millóns de euros que serán xestionados por unha entidade privada. A esta nova ferramenta haberá que sumar a creación dun "fondo de fondos", tamén dentro do plan de transformación do tecido empresarial, que engade outros 70 millóns de euros de investimento, cos que o Executivo autonómico prevé mobilizar preto de 300 millóns de euros.

Conde fixo este anuncio durante a presentación en Vigo do informe Retos e perspectivas de investimento en Galiza para 2021, da consultora BDO, un documento que, entre outras cousas, pon de manifesto o escaso poder de atracción para os fondos de investimento privados do tecido produtivo galego. 

Sirva como exemplo o feito de que no primeiro semestre de 2020, dos 1.561,5 millóns de euros que mobilizaron estes fondos, tan só 2,5 millóns viñeron parar á Galiza, o que a sitúa "no vagón de cola" do Estado español.

Segundo a consultora DBO, o perfil das empresas que busca un Private Equity é o dunha compañía con Ebitda superior a dous millóns de euros e cunha facturación próxima aos 20 millóns de euros. Tamén valoran que sexa unha firma familiar e pouco profesionalizada, xa que isto permite traballar cunha visión aperturista, pouco apalancada, nun sector en crecemento, xa sexa vía internacionalización ou concentración sectorial. Así mesmo, buscan escalabilidade, diversificación e capacidade para atraer e reter talento.

Marxe de mellora

O problema é que Galiza 'pincha' en moitos destes aspectos. En primeiro lugar, pola "enorme fragmentación" do seu tecido empresarial, formado nun 96% por pequenas empresas de menos de nove traballadores e autónomos sen asalariados e onde, segundo o rexistro Sabi, apenas 485 empresas obteñen un Ebitda superior a 2 millóns de euros, é dicir, son atractivas para os fondos privados. Aínda así, DBO destaca que esta magnitude mellorou 17% desde o seu primeiro informe, de 2018. 

"Iso non axuda a ter músculo financeiro que as faga gañar dimensión, o cal fai que sexa difícil atopar compañías coa dimensión que necesitan estas firmas". De feito, no último trienio, 95% das firmas consultadas non realizaron operacións na Galiza. Así mesmo, a porcentaxe de empresas que analizou oportunidades de investimento descendeu o ano pasado respecto ao exercicio anterior, pasando de 81% a 75%.

Con todo, 95% das firmas de capital privado valora a posibilidade de investir no país durante o presente exercicio. Todo dependerá, apuntan desde a consultora, se o impacto da pandemia (aumento das insolvencias de empresas e de necesidades de financiamento) e os proxectos de transformación promovidos con cargo aos fondos da Unión Europea fan que xurdan novas oportunidades.

Desde BDO insisten en que con estes fondos "ábrese un gran reto para a Galiza", que non é outro que o de tentar reducir a fenda económica co resto do país aproveitando os seus recursos "para non perder o tren da nova reindustrialización".

Advertencias

No seu informe, a consultora tamén fai unha serie de advertencias sobre o sistema produtivo galego. Por un lado, pon o acento no problema demográfico e a escasa capacidade para reter talento. 

Doutra banda, recoñece que as exportacións son un dos motores da economía galega, pero aposta en reducir a dependencia de sectores como a automoción e o téxtil e ampliar mercados. 

Precisamente, respecto estes dous sectores mencionados, a consultora destaca que "non espertan xa interese ningún para as sociedades de investimento", o mesmo que a construción e o sector naval, que tampouco resultan atractivos para os Private Equity.

Por último, sinala que "reforzar a I+D en todos os seus segmentos é unha das materias pendentes da economía galega", xa que o dato de investimento sobre o PIB segue sen presentar avances. En 2018 (último ano con datos dispoñíbeis) situouse en 0,94%, por baixo da media estatal (1,18%) e da da Unión Europa (2,12%).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/conde-deixa-mans-privadas-transformacion-do-sector-produtivo-galego/20210113185946113682.html


© 2021 Nós Diario