luns 28/09/20
A oposición demanda un cambio real de políticas

Feixoo aposta na continuidade

Alberto Núñez Feixoo aposta en repetir o seu equipo nun Goberno onde son substituídos os conselleiros de Sanidade e Educación, onde gaña peso o responsábel da área económica, Francisco Conde, e onde sae derrotado Alfonso Rueda. O ascenso de Conde e a perda de poder de Rueda, adiantados en exclusiva por Nós Diario en informacións de 16 de xullo e de 18 de agosto, explícanse no horizonte da sucesión de Feixoo, que vai obrigar a cambios substanciais no Gabinete a medida que a lexislatura avance.

Feixoo, na súa intervención durante a toma de posesión do seu Goberno.
Feixoo, na súa intervención durante a toma de posesión do seu Goberno.

O presidente da Xunta da Galiza mantén nos seus cargos a práctica totalidade dos seus antigos conselleiros e conselleiras, introducindo unhas lixeiras modificacións no reparto de competencias e substituíndo os responsábeis de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e Educación, Carmen Pomar. Esta última consellaría volve adscribirse a Cultura, en mans de Román Rodríguez, que perde a responsabilidade en materia turística a favor de Alfonso Rueda, despoxado da vicepresidencia única e de Administracións Públicas. Área que recae no conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Ao tempo, Francisco Conde, nomeado vicepresidente segundo e gran gañador da renovación do Gabinete cede Emprego a María Jesús Lorenzana, que se estrea como conselleira canda Julio García Comesaña, o responsábel da carteira de sanidade.

O relevo de Almuíña e de Pomar son dúas das principais novidades en San Caetano. A mudanza provocou estrañeza dentro das filas populares e dos seus compañeiros de Goberno, que non agardaban un cambio nestas áreas no marco dunha pandemia e ás portas do comezo do curso escolar. A favor da súa continuidade xogaba, tamén, a negativa de Feixoo a introducir mudanzas no seu equipo a comezos da lexislatura. Para atopar un antecedente hai que remontarse a 2012, cando o presidente galego substituíu Javier Guerra por Francisco Conde.

Feixoo quixo dar a súa versión sobre estes cambios na toma de posesión dos membros do Goberno, que decorreu onte. Apuntou que Almuíña solicitou o seu relevo nunha xuntanza mantida após as eleccións de 12 de xullo. "No que eu pensei que sería un despacho de cuestións ordinarias, comunicoume que el entendía que procedía un cambio en Sanidade", salientou Feixoo, que indicou que a substitución de Pomar respondeu á vontade de non aumentar o número de consellarías. Unha explicación que sorprendeu boa parte dos analistas. Porén, a opinión máis estendida é que o presidente da Xunta da Galiza tenta eludir as súas responsabilidade en materia educativa e sanitaria, culpando da situación os anteriores titulares das consellarías.

A opinión das forzas da oposición parlamentaria vai precisamente nesta dirección. Así, a portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou que detrás destes relevos está "seguramente o feito de que Feixoo sabe do malestar que hai" nestes dous servizos públicos "coas políticas que se desenvolveron". Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, entende que as mudanzas nas carteiras de Sanidade e Educación son “o recoñecemento do fracaso” por parte do “presidente galego” nas “competencias principais da Administración”.

Os novos conselleiros

Os novos responsábeis de Sanidade e Educación representan a continuidade coa etapa anterior. O novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo parte dos equipos de dirección do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ocupando cargos directivos á fronte da área sanitaria de Ourense e sendo nomeado hai un ano por Almuíña xerente da área de Vigo. Á fronte da mesma, impulsou algunhas decisións polémicas, como o cese, en marzo de 2020, da xefa de sección de medicina plástica do Hospital Álvaro Cunqueiro, Eva Maquieira, por criticas nas súas redes sociais a respecto da xestión do coronavirus.

As competencias educativas volven a mans de Román Rodríguez. A maioría da comunidade educativa coincidiu en cualificar as políticas de Pomar como herdeiras de Rodríguez e deron por descontado que este vai continuar coas mesmas, pero “coa man esquerda e as boas palabras” que lle faltaron á xa cesada conselleira de Educación. As fontes populares consultadas por Nós Diario consideran que Pomar “pagou a súa inexperiencia política”, entenden “un erro o seu nomeamento” e sinalan que “carece de capacidade para enfrontar unha situación tan delicada como a que se vai vivir nos centros educativos co coronavirus”.

Os novos responsábeis de Sanidade e Educación representan continuidade a respecto da etapa anterior

María Jesús Lorenzana é outra vella coñecida dos Gobernos de Feixoo. A nova titular da creada Consellaría de Traballo e Igualdade ocupou cargos directivos nos diversos equipos de Beatriz Mato e posteriormente de Medio Rural, onde actuou até o sábado como secretaría xeral técnica. Ligada ao PP coruñés, a onde chegou pola amizade con Mato, fai parte do círculo de confianza de Feixoo e está considerada como unha das persoas con máis percorrido do Gabinete.

O BNG e o PSOE destacan o perfil continuísta do novo Goberno. A portavoz do BNG, Ana Pontón, advertiu que "de nada valen os cambios de cara" á fronte das consellarías de Sanidade e Educación "se non hai cambios de políticas" tras "once anos de deterioro" dos servizos públicos por parte do PP. O secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, afirmou que Feixoo coas súas mudanzas "recoñece que fracasou e que carece de ideas alá onde é necesario un impulso" e apelou a "esperar" se hai novas políticas "ou se simplemente" hai “un cambio de cromos”, pero sen "novas ideas".

comentarios