A actividade industrial esmorece na Galiza

Firmas como Navantia, Siemens-Gamesa e Endesa comezarán 2021 sen carga de traballo
Central térmica de Endesa nas Pontes.
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes.

Galiza paga desde hai anos as consecuencias de que a Xunta careza dun plan industrial. 2020 vai rematar cunha importante caída do emprego industrial que non se pode achacar unicamente á pandemia da Covid-19. A falta de previsión das Administracións e a súa desidia á hora de tomar decisións e pór proxectos e investimentos sobre a mesa fan avanzar o país cara á conversión nun non desexado deserto industrial.

Boa mostra diso son as centrais térmicas de Meirama (Cerceda), que fechou oficialmente a mediados deste ano, e das Pontes, onde están á espera dos resultados das probas con biocombustíbeis para determinar se manteñen a petición de fechamento ou reactivan algún dos ciclos da central para a produción de enerxía.

Fontes de Endesa confirmaron a Nós Diario que os resultados desas probas se darán a coñecer "en cuestión de semanas". Saberase entón se a térmica segue operando ou se finalmente consuma o seu fechamento. Neste último suposto, a empresa ten xa deseñado o que denominan Plan Futur-e para As Pontes, que consiste nun concurso internacional para facerse cos terreos nos que se asenta a central e mesmo con algún dos seus equipamentos para a implantación de novos proxectos industriais, aínda sen definir. Como apuntan desde a eléctrica, até coñecer o desenlace avanzan no deseño do mesmo, pero non se executará até saber se as instalacións de xeración eléctrica seguen operando.

En Meirama, Naturgy aínda non avanzou nos seus plans, que pasan por crear un parque eólico e un centro avanzado de gas renovábel, aos que hai que sumar os propios traballos de desmantelamento da central.

A fin da actividade nestes centros produtivos deixa sen traballo centos de persoas, non só na principal, senón fundamentalmente nas empresas auxiliares. Nas Pontes, o parón será a partir de xaneiro, de aí que o persoal destas empresas incrementase as accións de protesta nas últimas semanas. 

Siemens e Navantia

Algo similar acontece non moi lonxe de alí. Nas Somozas, os traballadores e as traballadoras da planta de Siemens-Gamesa cortaban a pasada segunda feira a autoestrada AG-64 para denunciaren a súa situación. 

Segundo explicou o presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT), nestes momentos están pendentes da fabricación de tres pas do modelo G-114. Xa hai seccións "que non teñen traballo" e outras nas que "están a realizar funcións que non lles corresponde".

A comezos de semana, 24 traballadores eventuais recibiron a noticia da non renovación dos seus contratos. Súmanse así ás 58 persoas ás que non se lles renovou no mes de novembro, polo que só quedan traballando na planta das Somozas 240 empregados, todos indefinidos da empresa, que non teñen carga de traballo máis aló das festas de Nadal.

Onde tamén van quedar sen ocupación é nos estaleiros de Navantia. Nas últimas semanas, as auxiliares tiveron que executar despedimentos por esta razón. O persoal traballador exixe actuacións inmediatas por parte da dirección da empresa pública, como a contratación dun buque de aprovisionamento loxístico que garanta carga de traballo até o inicio da construción das fragatas F-110 para a Armada española, sen esquecer outras actuacións como a creación dun dique cuberto e un taller de subloques que acheguen "competitividade" ao estaleiro.

Sen recuperación en 2021

O panorama para a industria galega á marxe dos proxectos europeos non é moi prometedor. Onte mesmo, o presidente da  Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Justo Sierra, sinalaba que, co impulso da vacina, a facturación do sector do metal podería medrar 8% o vindeiro ano. Con todo, recoñecía que os primeiros meses de 2021 "non van ser bos", e que "é momento de tomar decisións importantes para impulsar unha recuperación sólida do sector", que non prevé antes de 2022.

Na mesma liña, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, apuntaba que 2021 "vai ser un ano chave" pola chegada dos fondos europeos, mais non estará exento de riscos. Entre eles, destaca o novo imposto de matriculación, que detraerá as vendas de coches e afectará o sector que máis está a tirar agora da economía galega, o da automoción. 

A situación do estaleiro Hijos de J. Barreras tamén preocupa polo seu impacto nas auxiliares, igual que a falla de actividade en Navantia ou as consecuencia que as novas restricións poidan ter nun sector  como o aeronáutico, no que tamén apostou Galiza nos últimos anos.

Comentarios