venres 15/01/21

Acusan a Conde de 'esconderse' ante a crise de Maderas Iglesias

O PP tumba no Parlamento galego unha proposición para paralizar a poxa da factoria.
Francisco Conde, conselleiro de Economía (Parlamento da Galiza).
Francisco Conde, conselleiro de Economía (Parlamento da Galiza).

A oposición no Parlamento galego ─BNG e PSdeG─ acusou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, de "esconderse" ante a crise da empresa Maderas Iglesias, cuxo futuro pasa, segundo o director do Igape, Fernando Guldrís, pola existencia dun plan "realista e viábel" para manter a actividade e os preto de 150 postos de traballo dunha factoría que chegou a empregar a 800 persoas no Porriño.

A situación desta empresa centrou gran parte da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo cunha pregunta formulada polo BNG ao director do Igape e o debate dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG que foi rexeitada polos votos en contra do PPdeG, grupo maioritario na Cámara.

Na formulación da pregunta, o deputado nacionalista Luís Bará criticou o conselleiro Francisco Conde por estar "desaparecido" cando, anos atrás, "facía fotos" e sinalaba Maderas Iglesias como "exemplo" de refinanciamento após a crise de 2008.

Na mesma liña, o socialista Martín Seco indicou que "detrás" da situación que atravesa esta empresa está "o fracaso de moitos anos de nula política industrial" por parte da Xunta.

Ambos os deputados puxeron o acento na "falta" de resposta do Executivo do PP sobre o plan de viabilidade ou a proposta investidora presentada para dar continuidade á actividade da empresa.

Respecto da proposición non de lei, PSdeG e BNG acordaron solicitar a Conde a convocatoria dunha reunión de urxencia co comité de empresa e empregar os instrumentos legais que permitisen paralizar a poxa, mais o texto foi rexeitado cos votos do grupo popular.

comentarios