Chamada de auxilio desde Ferrolterra, Eume e Ortegal

Cadea humana de protesta entre Ferrol e Narón
Imaxe da cadea humana na que participaron centos de persoas. (Foto: CIG)
photo_camera Imaxe da cadea humana na que participaron centos de persoas. (Foto: CIG)

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal levan meses sumidas nunha profunda crise que se viu agravada pola pandemia da Covid-19. Así, aos sectores produtivos tradicionais, súmanse agora a esta difícil situación actividades como o comercio ou a hostalaría. Delas viven boa parte das preto de 200.000 persoas que residen nestas comarcas e que ven con impotencia como as Administracións as deixan sistematicamente de lado.

Por este motivo, convocadas polos sindicatos CIG, UXT e CCOO, centos de persoas botáronse hoxe ás rúas de Ferrol para construír unha cadea humana até o veciño concello de Narón. Na protesta, que discorreu pola rúa Galiano e a estrada de Castela até a rotonda da ponte das Cabras, podíanse ler carteis reclamando un plan de reindustrialización para estes territorios ou unha transición ecolóxica xusta que non deixe esta parte do país sen un futuro.

Na actualidade hai preto de 15.000 demandantes de emprego nestas comarcas, ás que habería que sumar todas as persoas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), unha cifra que se a situación non mellora podería aumentar considerabelmente. 

Pendentes da industria

As principais ameazas están no sector industrial. Na fábrica de Siemens Gamesa das Somozas están a punto de rematar o último dos pedidos que teñen en carteira.

O modelo de pas que producen nesta factoría quedou obsoleto e a empresa xa anunciou que non faría investimentos para garantir a continuidade da planta, unha situación que deixa no aire a continuidade de preto de 300 empregos no único concello que presentou un saldo positivo na última estatística laboral.

Nos estaleiros públicos de Navantia agardan polas fragatas F-110 da Armada española. Namentres, boa parte do persoal da principal e as auxiliares quedará sen traballo durante varios meses. Por iso reclaman un pedido "ponte" e modernización do estaleiro para que siga   a ser competitivo.

E o terceiro motor industrial, a térmica das Pontes, camiña cara ao seu fechamento definitivo á espera de coñecer os resultados das probas con biocombustíbeis. Aínda nada se sabe das propostas alternativas de Endesa para manter a actividade industrial e o emprego na zona.

Comentarios