O PP rexeita 90% das propostas defendidas pola oposición

O primeiro Debate do estado da nación galega concluíu esta sexta feira coa aprobación de 48 das 120 propostas de resolución presentadas polos grupos políticos. A maioría das aceptadas, 40, foron do PP, que tan só permitiu que prosperasen 8 da oposición. Entre os acordos unánimes: a loita contra a violencia machista.
Miguel Tellado, Olalla Rodil e Pablo Arangüena, esta sexta feira na Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Miguel Tellado, Olalla Rodil e Pablo Arangüena, esta sexta feira na Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Debate do estado da nación galega concluíu esta sexta feira cun total de 48 resolucións aprobadas das 120 presentadas no Parlamento. Cada grupo rexistrou 40 propostas, as máximas permitidas. A maioría absoluta que ten o PP propiciou que pasasen todas as presentadas polos propios populares, mais tan só permitiron que fosen aprobadas oito da oposición: sete do PSdeG, cinco delas transaccionadas cos populares; e tan só unha do BNG, tamén tansaccionada co PP (no relativo á dotación de trens AVRIL á alta velocidade galega). Cinco propostas contaron coa unanimidade de todos os grupos. Entre os consensos atópanse pactos en contra das violencias machistas e en defensa dos dereitos LGTBI. Outro dos acordos, neste caso entre populares e socialistas, foi no relativo ao financiamento das universidades galegas.

O BNG, pese a ver todas as súas iniciativas vetadas polo PP (salvo a que lograron transaccionar) atopouse co PP nalgunhas demandas das que se descolgou o PSdeG, como na relativa á reclamación dun fondo económico Covid que vaia alén do actual, a factura eléctrica, taxas de reposición no sector público e financiamento da dependencia.

Aliás, houbo emendas do BNG que suscitaron o rexeitamento non só dos populares, senón tamén dos socialistas, como a referida á AP-9.

O texto dos nacionalistas instaba a que o Estado atendese o requirimento da Comisión Europea e procedese á anulación das prórrogas da concesión da AP-9. Tamén pedía un acordo parlamentario para reprobar os Gobernos que aprobaron as prórrogas da AP-9 que a UE considera ilegais, "e exixir as responsabilidades ás que houber lugar por parte da Administración xeral do Estado".

O PP insta o Estado a pagar os anuncios de Feixoo

O viceportavoz dos populares na Cámara, Miguel Tellado, reiterou onte no pleno as súas exixencias ao Goberno español en diversos ámbitos. De feito, os socialistas criticaron o elevado número de propostas do PP que se centran en demandas ao Goberno estatal, como o feito de que soliciten financiamento a Pedro Sánchez para a gratuidade das escolas infantís que anunciou Feixoo na primeira xornada do debate. Con todo, o PSdeG votou a prol desta proposta.

BNG pide máis servizos públicos e autogoberno

Na súa intervención, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, proclamou que a Covid-19 abriu "unha nova era" e preguntouse se, nela, "van sacar tallada o mesmo puñado de empresas" ou as maiorías sociais. Así, presentou as 40 propostas do BNG  para "pór a riqueza e o talento da Galiza ao servizo do país e as maiorías sociais e non nun puñado de multinacionais".

Para iso propuxo a apertura dun debate "democrático e con altura de miras" para abordar o status político da Galiza. As iniciativas rexistradas (e rexeitadas pola Cámara) apostaban por reclamar as competencias pendentes no Estatuto e as pactadas en acordos parlamentarios, un concerto económico, unha lei "clara, audaz e valente" para "pór fin ás portas  xiratorias" e dar "máis participación cidadá" con consultas populares e unha nova lei de medios para elixir a Dirección Xeral da CRTVG por concurso público.

Tamén pedían reforzar a Atención Primaria con 200 millóns de euros, dar garantías á interrupción voluntaria do embarazo en centros públicos, un modelo de residencias público e unha rede de proximidade de coidados.

No ámbito económico, reclamaron maior investimento a ciencia, plans para o sector industrial e  a reactivación económica. 

O PSdeG acorda a creación de novas prazas residencias 

O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, defendeu as 40 propostas dos socialistas que debuxan, dixo, unha “estratexia de país” que permita á Galiza superar o “estancamento” provocado por 12 anos de Gobernos de Feixoo.

Entre as iniciativas trasaccionadas cos populares, figura a reclamación á Xunta para desenvolver un plan de reactivación do pequeno e mediano comercio que supere o realizado até este momento, dotado de maior orzamento, que inclúa un plan de reapertura dos pequenos negocios que tiveron que fechar por mor da pandemia.

Tamén acordaron o incremento de financiamento estrutural universitario e incrementar o orzamento do capítulo dedicado á investigación.

Outro dos textos avalados pide desenvolver un novo modelo de atención e coidados a maiores e crear perto de 2.000 novas prazas residenciais públicas nesta lexislatura. 

Acordo contra a autodeterminación

O Parlamento pronunciouse esta sexta feira contra o dereito de autodeterminación mediante un acordo alcanzado entre PP e PSdeG nunha proposta de resolución rexistrada polos populares. "Non compartimos as posicións independentistas nin consideramos que traian nada positivo para a Galiza, nin tampouco a defensa da autodeterminación, xa que o futuro colectivo da nación española corresponde a todos os españois", recolle o texto pactado segundo confirmaron fontes parlamentarias. A declaración tamén inclúe a "condena" do uso da violencia.

Noutra orde, o BNG pediu un pronunciamento da Cámara para rexeitar o "discurso do odio da extrema dereita" que está "detrás das agresións que atentan contra a dignidade humana", incluíndo un "cordón sanitario" a pactar con esas forzas políticas. "Esa é a única violencia que existe neste país agora, a machista, a racista e a  homofóbica", remarcou  a nacionalista Olalla Rodil. Neste caso, aínda que o PSdeG mostrou o seu apoio á iniciativa, non saíu adiante ao ser rexeitada polo PP.

Comentarios