Debate do estado da nación

Caballero critica que Feixoo se preocupase máis de ser "líder opositor" que "presidente da Xunta"

Pleno debate de la Autonomia
photo_camera Gonzalo Caballero (Foto: Arxina)

O portavoz parlamentar do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, se preocupase máis na súa intervención no Debate sobre o estado da nación de ser "líder opositor" que presidente da Xunta.

"Vostede está máis preocupado por ser un líder opositor que por ser presidente, por iso pon a Galiza ao servizo dos intereses do PP", sostivo o tamén secretario xeral do PSdeG, que acusou Fexoo de trasladar unha visión de Galiza como unha "arcadia feliz" na que se esquece de "tantos galegos e galegas".

Nun discurso que iniciou dando o pésame aos membros do Goberno galego e do Grupo Popular polo falecemento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, Caballero considerou que Feixoo aproveitou o debate para marcar unha "estratéxica análoga" á do líder do PP, Pablo Casado, e á da ultradereita na "escalada da tensión política" para tratar de sacar un Goberno de España "lexitimamente" constituído.

"O único que fixo hoxe Feixoo foi tentar ser líder de oposición fronte a Pedro Sánchez desde o Parlamento galego e competir con Casado para tentar confrontar co Goberno de España", afirmou.

Con todo, puxo en valor algúns anuncios anunciados polo máximo mandatario, como a gratuidade das escolas infantís desde o primeiro fillo o próximo curso, e emprazou aos grupos a, unha vez se supere "o peor da pandemia", iniciar o debate para reformar o Estatuto de Autonomía. "Hai que adaptalo aos novos tempos e incluír unha carta de cidadanía galega", dixo. 

"Feixoo converteuse hoxe no portavoz de Pablo Casado na sede parlamentaria galega, buscando confrontar en todos os ámbitos, co Goberno de España e non dando resposta aos problemas das galegas e galegos alí onde ten competencias", aseverou. O socialista tamén acusou a Feixoo de non aproveitar "a inxente cantidade de fondos" que chegaron á Galiza na pandemia por parte do Estado e Unión Europea e de "non estar á altura" das circunstancias.

"O único que fixo hoxe Feixoo foi tentar ser líder de oposición fronte a Pedro Sánchez desde o Parlamento galego e competir con Casado para tentar confrontar co Goberno de España", afirmou.

Caballero situou as propostas do PSdeG como alternativa ao Goberno conservador da Xunta e asegurou que para saír da crise son necesarias "políticas progresistas e de esquerda".

Comentarios