Debate sobre o estado da nación: O 50% das propostas do PP son peticións ao Goberno español

O viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, afeou esta sexta feira ao Partido Popular que a metade das súas 40 propostas de resolución no Debate sobre o estado da nación sexan peticións ao Goberno español. Cifrounas nun "400%" máis do que reclamaban ao Executivo estatal cando gobernaba Mariano Raxoi.

Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Xunta da Galiza)

Na súa comparecencia no pleno do Debate do estado da nación para defender as propostas do PSdeG, o dirixente socialista afirmou que no debate de 2017, o "último" realizado durante o Goberno de Raxoi, o PP só presentou "cinco" propostas "reclamando cousas" ao Executivo estatal, unha cifra que "multiplicaron por catro" coa chegada de Pedro Sánchez á Moncloa.

Fronte a iso, Arangüena presentou as 40 medidas defendidas polo PSdeG para "corrixir as carencias" dos 12 anos de Goberno de Alberto Núñez Feixoo, cuxo modelo definiu como o da "inercia" nunha Galiza que "se move a unha velocidade moito maior que en calquera outro momento" debido ao impacto da pandemia.

"Rezar e botar culpas"

"Hai que ser proactivo nunha época na que todo cambia", considerou o viceportavoz socialista, que describiu a política do Goberno galego como a de "rezar" e "botar culpas". "Rezar de cando en vez e botarlle a culpa sistemática ao Goberno estatal", dixo.

"Rezar para que non fechen empresas, rezar para que se instalen novas e botarlle a culpa ao Goberno... En incendios, rezar para que chova e botarlle a culpa ao terrorismo incendiario", sostivo nunha intervención na que tamén se referiu aos datos demográficos da Galiza para asegurar que "non hai un anticonceptivo máis eficaz e potente que o PP da Galiza".

Fronte a iso, en materia económica entre outras medidas, propuxo alcanzar un pacto pola industria, converter o Igape nun "verdadeiro instrumento de promoción económica" e acordar os proxectos que opten aos fondos europeos Next Generation para "pasar da carta aos reis meigos da Xunta á concreción".

Ademais, propuxo alcanzar un novo modelo residencial e de coidados que "empece por non facer a vista gorda ás irregularidades do sector", reforzar a atención primaria após a pandemia e fortalecer a educación pública con máis profesorado, entre outras medidas. Unha proposta que acepta o PP tras chegaren a un acordo ambos os partidos.

"Convido eu e pagas ti"

Todo iso ante de considerar que "está moi ben" que Feixoo "anuncie a gratuidade das gardarías" pero cualificar de "tomadura de pelo" que despois "presenten unha proposta de resolución para pedirlle ao Estado que o financie". "Convido eu e pagas ti", criticou.

Por último, despois de citar as medias en materia de medio ambiente, medio rural e administración pública, reivindicou o PSdeG como unha formación "federalista e galeguista" e propuxo avanzar en "autogoberno".

Comentarios