Debate sobre o estado da nación

Feixoo a Pontón: "A Galiza máis grande é a que vota libremente"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, centrou boa parte da quenda de réplica na líder do BNG, Ana Pontón. "Se non es do BNG non es bo galego e privatizas os servizos públicos, isto é realmente infantil", atacou á nacionalista, á que lle trasladou varias preguntas como o seu pensamento sobre a independencia do país.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante o debate desta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante o debate desta cuarta feira. (Foto: Arxina)

Nunha das súas intervencións no debate sobre o estado da nación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu a súa xestión no ámbito económico, sanitario e da pandemia fronte ás críticas que lle trasladou a oposición. De feito, volveu comparar o labor autonómico co do Goberno español na súa resposta ao PSdeG, á vez que lanzaba un aviso ao BNG: "A Galicia máis grande é a que vota libremente cada catro anos e pon no Goberno a quen considera oportuno".

Previamente, ao longo da súa primeira quenda de réplica, aproveitou para reivindicar a súa xestión desde que tomou as rendas en San Caetano, en 2009, que contrastou -en áreas como a atención da dependencia e outras sociais- coa do bipartito que lle antecedeu.

Tampouco escatimou nas súas críticas ao Goberno de España co foco na pandemia. "Noutras comunidades caducaron vacinas, mentres que aquí pediamos máis", afirmou. Mesmo chegou a apuntar a un fallo do sistema de alerta epidemiolóxica.

Malia todo, gran parte da máis dunha hora que se prolongou o seu discurso, Feixoo tivo o foco no BNG e na súa líder, Ana Pontón, esforzándose en situar o nacionalismo galego como "unha copia" do catalán e lanzando un aviso: "Leccións sobre a Galiza máis grande, ningunha".

"A Galiza máis grande é a que vota libremente cada catro anos e pon no Goberno a quen considera oportuno", sentenciou, antes de subliñar que non se pode falar de construír "a Galiza máis grande" cando "nin sequera" se aceptan o que el consideran logros do Executivo galego ante a pandemia.

"Aos gobernos ponos a xente que vota nas eleccións", incidiu, antes de lamentar que se cualifique de "privatizado todo o que non estea de acordo co catecismo do BNG".

"Se non es do BNG non es bo galego e privatizas os servizos públicos, isto é realmente infantil", atacou a Pontón, á que lle trasladou varias preguntas como o seu pensamento sobre a independencia do país.

En resposta ao PSOE, Feixoo demandou "falar en serio" doutras cuestións como a situación da AP-9 e instou a Gonzalo Caballero a aclarar puntos concretos da reforma estatutaria que expón e se necesitaría "o visto e prace" do BNG, antes de lembrar o que sucedeu no último intento de reforma, onde a denominación da Galiza "no preámbulo" impediu "calquera avance".

"Ese conto xa o vin. Se falamos, deberiamos facelo en serio e con cuestións concretas", aseverou, antes de subliñar que, igual se Euskadi e Galiza "non reformaron o Estatuto" é porque teñen "criterio e personalidade".

Comentarios